DA MÁQUINA, o novo libro de Alberto Lema

Categoría: Nova

Que acontecería se unha máquina desenvolvese consciencia de seu? Cal sería, en tal caso, a súa opinión sobre a orde establecida? O autor de Sidecar parte destes enigmas para poñer os lectores e as lectoras perante unha historia na que se decide nada menos que o futuro da nosa civilización.

A novela de Alberto Lema combina unha temática sociopolítica, en clave reivindicativa, cunha vertente policial na que, ademais, está involucrado o inspector Pereira, un dos personaxes de Unha puta percorre Europa, a primeira novela do escritor. A protagonista é unha computadora creada para xogar ao xadrez, tamén chamada "A Máquina". Baseándose en Deep Blue, a computadora que derrotou a Kaspárov, e na reclamación do ruso que alegaba que a máquina actuara coma se se tratase dunha intervención humana, Alberto Lema recrea a adquisión progresiva de consciencia por parte do ordenador, que desexaría "xogar una partida de xadrez coa humanidade".

Os partidarios e inimigos desta Máquina revolucionaria cruzan os seus camiños, procúranse, poñen en xogo as súas vidas. Mais, coma sempre, só un dos dous bandos pode prevalecer. Usando elementos do xénero policial, da novela psicolóxica e do ciberpunk, o autor elabora un relato que transita por Vigo, Compostela ou a Casa Branca, e no que destaca un xeito de narrar directo, con frases que perfilan decontado personaxes e situacións.

Comparte nas túas redes sociais ou por email