Neste libro recompílanse, por primeira vez, os artigos publicados antes da Guerra Civil en revistas como Vallibria e Nós e no xornal El Pueblo Gallego, amais dos publicados durante a posguerra en Nordés ou Grial, entre outras cabeceiras nas que tamén se inclúe A Nosa Terra. A carón deste, e tamén con edición a cargo de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger, anúnciase un segundo e derradeiro volume no que proximamente se han recoller os artigos publicados por Cunqueiro no Faro de Vigo.
Os artigos reunidos en 'O mundo que teño de meu' abranguen cincuenta anos do século XX. As publicacións luguesas de vangarda acollen as primeiras letras de Álvaro Cunqueiro: as mindonienses Vallibria e Galiza —cabeceira dirixida polo propio Cunqueiro que se distinguiu doutras revistas vangardistas do seu tempo polo seu monolingüismo— e Yunque, dirixida por Ánxel Fole.
Cabo destas publicacións aparecen as colaboracións de Cunqueiro en dúas cabeceiras que marcaron a nosa historia no primeiro terzo do século XX: A Nosa Terra e Nós. Mais o groso dos artigos desta etapa de preguerra publícaos en El Pueblo Gallego. Nos artigos publicados neste xornal entre 1934 e 1936, Cunqueiro non só se consolida como escritor nos medios de comunicación da época senón que se proxecta como o extraordinario narrador que vai ser, ben en artigos de creación cunha prosa poética sublime, ben con pasaxes narrativas e tamén coa aparición inicial dun xénero que logo fará moi de seu, o dos retratos.
O maior número de artigos desta andaina, coa excepción dos publicados no Faro de Vigo, que por constituíren un corpus autónomo han ser obxecto dunha futura publicación en libro á parte, atópase noutro dos fitos que marcaron a lenta recuperación cultural en Galicia: a revista Grial. Na que se recollen páxinas cunqueirianas sobre Ossian e o Padre Sarmiento, Valle-Inclán e Esopo, Rosalía de Castro e Kafka, Otero Pedrayo e Shakespeare, a xénese da novela occidental e a necesidade de traducir para o galego, a nosa literatura medieval e o levantamento de 1846…
En 'O mundo que teño de meu' reúnese unha galería de autores, obras e historias que foron obxecto de estudo e reflexión por parte do escritor mindoniense e que axudan a comprender mellor o seu senlleiro mundo literario.