Cristina Pato recibiu o Premio Trasalba

Categoría: Nova

Cristina Pato recibiu onte o 31.º Premio Trasalba nun acto literario celebrado na sede da Fundación Otero Pedrayo. A gaiteira definiuse como 'emigrante pero cos pés sempre chantados en Galicia' e explicou, nun emocionado discurso no que repasou a súa traxectoria musical, que Galicia está en todo o que fai, estea na terra ou onde vive actualmente e traballa, na cidade de Nova York.
Cristina Pato recordou como co seu primeiro disco, 'Tolemia', primeiro tamén gravado integramente por unha gaiteira, quixo demostrar que o instrumento máis noso podía perfectamente viaxar por latitudes musicais novas.
Pablo Sánchez Ferro foi o encargado da Laudatio que deixamos á dereita destas liñas para a súa descarga.
Entregoulle o premio -unha escultura de bronce, obra de Buciños, que representa a don Ramón- o presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, e tamén presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
Durante o acto presentáronse os libros 'As xeórxicas do pan', de Otero Pedrayo a cargo do profesor e escritor Manuel Forcadela, e 'Cristina Pato, Galicia no fol', libro-homenaxe editado pola Fundación en honra da premiada deste ano.
Seguiu un xantar de confraternidade do que deixamos memoria fotográfica no noso blogue.

Comparte nas túas redes sociais ou por email