Convócase o XI Premio Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova, Premio

XI PREMIO NARRATIVA BREVE REPSOL

A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no desexo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, convoca a décima primeira edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, de acordo coas seguintes bases:

1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cunha novela curta escrita en lingua galega, conforme a normativa establecida pola Real Academia Galega.

2. As novelas, que serán orixinais e inéditas en todos os formatos, terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120. Cada folio estará mecanografado a dobre espazo a razón de entre 28 e 32 liñas, de 60 a 70 carácteres por liña como termo medio no conxunto da novela presentada. Con carácter xeral, a extensión mínima e máxima de cada novela virá determinada polos valores de folios, liñas e carácteres antes concretados.

3. Presentaranse seis copias encadernadas de cada orixinal. En cada unha das copias figurará o título da novela e o lema desta. Acompañarase tamén un sobre pechado no que figurará o citado lema e, no seu interior, o nome, enderezo, números de teléfono fixo/móbil do autor ou autora e recensión biográfica recente.

4. As novelas enviaranse antes do 24 de xullo de 2017, facendo constar no sobre Premio de Narrativa Breve Repsol, ao seguinte enderezo:

Refinería Repsol A Coruña

Apartado 700

15080 A Coruña

5. Presentarase cos orixinais, dentro do sobre pechado, unha declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría sobre a novela, así como a súa orixinalidade. A non inclusión da dita declaración xunto coa novela será motivo para que a novela en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada e destruirase.

6. Establécese un único premio dotado con doce mil euros (12.000,00 €). Esta cantidade estará suxeita á retención a conta do IRPF que legalmente corresponda.

7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que as novelas presentadas non reúnen a calidade suficiente.

8. A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de 1.500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderanlle en exclusiva á Fundación Repsol. A novela premiada será publicada pola Editorial Galaxia segundo contrato de edición asinado para o efecto nos termos que acorden a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En todas as edicións que se realicen se fará constar o nome de Premio de Narrativa Breve Repsol 2017.

9. O xurado estará composto por:

unha persoa nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística

unha persoa nomeada pola Fundación Repsol

unha persoa nomeada pola Real Academia Galega

unha persoa nomeada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega

unha persoa nomeada pola Editorial Galaxia

A decisión do xurado será inapelable e farase pública no mes de setembro do ano 2017.

10. A entrega do premio terá lugar nun acto público que se realizará na cidade da Coruña. A non ser por razóns de forza maior, a persoa gañadora deberá estar presente no acto de entrega do premio.

11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito no prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.

12. Os datos achegados polos participantes no premio incorporaranse a un ficheiro automatizado titularidade da Fundación Repsol, entidade con domicilio en Madrid, na rúa Acanto, 22 – 10º, 28045, cuxo tratamento estará suxeito á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e á súa normativa de desenvolvemento, coa finalidade de utilizarse para a realización de cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento do premio, incluída a selección do gañador, a publicación do gañador e a posterior entrega do premio a este. Os participantes terán o dereito de acceder a este ficheiro e rectificar, cancelar e/ou opoñerse ao tratamento dos seus datos. Neste caso, deberán comunicalo expresamente, para o que enviarán unha comunicación escrita ao antedito enderezo.

13. Os participantes autorizan expresamente e con carácter indefinido a que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno/externo que estime oportuno, dos seus datos persoais consistentes no seu nome e apelidos como gañador do premio, coa exclusiva finalidade de asegurar a divulgación por calquera medio e coñecemento da realización e ditame do premio, sen que iso xere dereito de pagamento e/ou indemnización ningunha a favor dos participantes.

14. O autor/a premiado/a comprométese a ceder os seus dereitos de explotación da súa novela á Fundación Repsol de maneira inmediata tras ser premiado, e en exclusiva, con alcance territorial delimitado a España e por una duración de CINCO (5) anos coa finalidade de facela accesible ó público. O autor/a sempre será recoñecido/a como autor/a da novela, sendo este un dereito irrenunciable e intransmisible.

Especificamente a cesión dos dereitos de explotación a favor da Fundación Repsol incluirán os dereitos de reprodución, distribución e comunicación pública da novela en calquera formato existente así como a través de tódolos medios de comunicación on-line e off-line que sexan necesarios para a correcta promoción da novela.

15. Nos aspectos non incluídos nestas bases ou naqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles ás entidades organizadoras, as cales, unha vez consultados os membros do xurado, emitirán ditame que será inapelable.

16. A participación na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol 2017 implica a aceptación destas bases.

Comparte nas túas redes sociais ou por email