A Academia Xacobea en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia e o patrocinio de ALUMINIOS CORTIZO S.U.L, convoca o II Premio de Novela Camiño de Santiago cuxa obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia, co fin de promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno Xacobeo, de acordo coas seguintes bases:

1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen cunha novela escrita en castelán ou galego, conforme ás normativas establecidas, en cada caso, pola Real Academia Española e a Real Academia Galega. Os autores e autoras só poderán enviar unha obra a concurso, que deberá ser orixinal e inédita en todos os formatos e non poderá ter sido premiads noutros concursos.

2. Será outorgado un único premio dotado con TRES MIL EUROS (3.000.00 €) suxeitos ás retencións legais que resulten aplicables. O gañador ou gañadora recibirá tamén un diploma acreditativo e verá a súa obra publicada en galego e castelán pola Editorial Galaxia a través da súa colección literaria e do seu selo Mar Maior, respectivamente. A contía do premio inclúe a adquisición dos dereitos da primeira edición (publicación, distribución e explotación) en castelán e galego do texto gañador. Estes dereitos corresponden, en exclusiva, á Academia Xacobea, que publicará a obra a través da Editorial Galaxia S.A. Ademais faranse entrega de vinte exemplares ao autor ou autora gañadora. Así mesmo establécese un accésit sen dotación económica para a mellor obra literaria presentada na lingua que non obteña o primeiro premio, ao que se concederá tamén diploma acreditativo. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que os orixinais presentados non reúnen a calidade suficiente.

3. O Camiño de Santiago será o tema referencial para a ficción narrativa, que deberá estar presente, de maneira notoria na obra na súa vertente física, histórica, cultural, social ou imaxinaria. Poderanse presentar novelas, relatos e conxuntos de relatos. Terán unha extensión mínima de 200 páxinas a dobre espazo e tipo de letra arial 12, con marxes non superiores a 3 cms. Os autores remitirán as súas obras, na forma, prazo e requisitos que se establecen a continuación.

Enviarase o arquivo en PDF da obra completa ao correo info@academiaxacobea.gal sen mencionar a autoría, e dous exemplares mecanografados, en papel, tamaño folio, a dobre espazo á dirección postal:

Academia Xacobea Pazo de San Roque, 2

15781 Santiago de Compostela

Os exemplares deberán presentarse anonimamente e enviaranse nun sobre pechado, en cuxo exterior se indicará o título da obra, especificando: II PREMIO DE NOVELA “CAMIÑO DE SANTIAGO”.

O sobre deberá conter, ademais outro sobre pechado dentro do cal se incluirá: o título da obra e a seguinte información persoal do autor: nome e apelidos, DNI, data e lugar de nacemento, domicilio, teléfono, correo electrónico, breve currículo e unha declaración expresa de que a obra non foi premiada ata a data de presentación en ningún outro certame literario, nin obxecto de publicación.

Ademais deberá incluír no sobre xeral outro escrito no que conste a conformidade do autor ou autora coa cesión dos dereitos da primeira edición en papel e dixital, en galego e castelán, da súa obra para o caso de que resulte gañadora, incluídos os de publicación, distribución e explotación.

4. As novelas enviaranse antes do 15 de setembro de 2021.

5. O Xurado estará composto por cinco personalidades do mundo literario designados pola Academia Xacobea, un deles, en representación da Editorial Galaxia. Actuará como secretario do Xurado, con voz e sen voto, unha persoa designada para ese efecto.

A composición do Xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, na páxina web da Academia Xacobea.

6. O Xurado actuará en única sesión, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. A decisión do xurado será inapelable e darase a coñecer nun acto público no mes de decembro de 2021.

7. A entrega do premio terá lugar no acto público e na mesma estarán presentes representantes da entidade convocante, das institucións colaboradoras e da editorial, así como os membros do Xurado e o gañador ou gañadora. O día concreto será feito público coa suficiente antelación na páxina web da Academia Xacobea: www.academiaxacobea.gal.

8. Non se manterá correspondencia sobre a documentación presentada polos participantes. Os orixinais non premiados serán destruídos tras facerse pública a resolución de xurado.

9. A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte das persoas que participen na convocatoria, que ademais teñen o deber de comunicar á Academia Xacobea a concesión de calquera premio ou publicación que obteña a obra presentada durante o transcurso do premio e que producirá a automática a exclusión do mesmo.

10. A decisión sobre os aspectos non incluídos nestas bases ou aqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, correspóndelle á Academia Xacobea, a cal, unha vez consultados os membros do Xurado e as entidades colaboradoras, emitirá ditame que será inapelable.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR