Vermellos e laicos, do historiador Narciso de Gabriel, inaugúraa botando luz sobre a depuración do profesorado laicista na Coruña por parte da represión franquista.

A nova colección “Memoria histórica”, que chegará ás librarías a próxima semana coa publicación do libro Vermellos e laicos, de Narciso de Gabriel, quere dar continuidade ao longo compromiso da Editorial Galaxia coa liberdade, defensa da democracia e o galeguismo. Baixo esta serie publicaranse títulos que afondarán naqueles feitos que quedaron cubertos co manto da ditadura, tras décadas de silencio e falta de rigor ou xustiza histórica.

Vermellos e laicos trae a historia, a través dun profundo e detallado estudo, daqueles mestres e mestras republicanos que, atendendo á legalidade da Constitución de 1931 da Segunda República, apostaron por unha das medidas máis rupturistas da época: a educación laica. Nestas escolas, a simboloxía e moral relixiosa deu paso ao cultivo da tolerancia e cidadanía, topando coa oposición da Igrexa e, desde o principio da Guerra Civil, coa represión dos sublevados.

Narciso de Gabriel pon datos e sucesos sobre o papel para facer xustiza e render homenaxe e todos os que caeron por “vermellos e laicos”, con penas que foron desde a sanción administrativa ao asasinato. Fontes como documentación administrativa dos arquivos coruñeses, prensa da época, consellos de guerra ou expedientes de responsabilidades políticas abertos a membros do grupo galeguista de Ferrol (ARG) – entre os que se atopaban profesores como Ricardo Carvalho Calero ou Gonzalo Torrente Ballester – dan forma ás moitas experiencias persoais dos represaliados neste proceso de depuración.

A obra, que contou coa colaboración do Concello de A Coruña, engádese á traxectoria investigadora de Narciso de Gabriel, catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña. Entre os seus últimos libros destacan Elisa e Marcela. Amigas e amantes (2019) ou Xosé María Álvarez Blázquez, mestre republicano. Diario escolar e desterro (2019), publicado tamén en Editorial Galaxia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR