Dada a nova realidade creativa que dende o ano 2012 está a agromar en Galicia nas aulas da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, e dado o compromiso de Editorial Galaxia para fortalecer as canles de publicación de obras de cómic en lingua galega, ambas as empresas uníronse para convocar o:
VII PREMIO O GARAXE HERMÉTICO DE BANDA DESEÑADA
O obxectivo deste premio é abrir oportunidades para o alumnado dos cursos profesionais de Banda Deseñada de O Garaxe Hermético, tanto para o que está rematando como para o que xa rematou a súa formación.
Pretendemos que a primeira obra destes novos autores e autoras sexa publicada en galego e así contribuír á vitalidade e solidez da BD de noso, a prol dunha maior profesionalización e competencia. Finalmente, tamén é o noso desexo fomentar a creación de BD para lectorado infantil e xuvenil en galego, co fin de reforzar unha base lectora firme que afiance un futuro esperanzador.
ENDEREZO PARA ENVÍO DOS ORIXINAIS:
Rúa Álvaro Cunqueiro nº 4 baixo
36002 Pontevedra
Tlf: 610 33 73 12
www.ogaraxehermetico.com
BASES
Tendo en conta a importancia que está a ter este sector da cultura galega, convócase o «VII Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada», de acordo coas seguintes bases:
Primeira
Poderán participar todas as persoas matriculadas no 3º Curso Profesional de O Garaxe Hermético ou exalumnos/as que rematasen a súa formación nos 4 anteriores, maiores de idade, e que presenten narracións en banda deseñada escritas en lingua galega, inéditas e non premiadas en ningún outro concurso ou certame. As obras poderán estar escritas e debuxadas, cada unha delas, por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante).
Segunda
Establécese como premio a publicación da obra en Editorial Galaxia, en lingua galega, asinando o correspondente contrato de edición, co abono do 10% de dereitos de autor e co adianto habitual establecido.
Os premios poderán quedar desertos. Editorial Galaxia publicará a obra premiada, ademais entregará á/s persoa/s gañadora/s 15 exemplares.
Terceira
As obras presentadas deberán adaptarse a un destes formatos ou modalidades, cada autor ou autora só poderá optar a unha delas:
1ª Modalidade Infantil ou Xuvenil:
Obras de temática libre e dunha historia única, que deberá aterse aos criterios lóxicos dunha obra infantil e/ou xuvenil.
O traballo presentarase maquetado, encadernado, da seguinte forma:
— 16 páxinas rematadas e rotuladas da banda deseñada e escaleta completa do guión ou storyboard completo.
— O formato deberá ser 17 x 24 cm, ou proporcional, vertical.
— O tamaño dos orixinais: mínimo DIN A4 e máximo DIN A3. No caso de que a maiores o traballo se presente en soporte dixital, deberá figurar a tamaño final (17 x 24 cm) e en resolución de 300 ppp para color, 400 ppp para grises, ou 600 ppp para branco e negro, en soporte CD ou USB en formato TIFF.
— A extensión mínima será de 48 páxinas e 64 páxinas de máximo.
— Para a súa valoración enviarase 1 copia encadernada en DIN A4 con calidade láser.
— Os orixinais seranlle requiridos ao gañador ou gañadora para o proceso de edición, que deberá entregalos no tempo establecido. Así mesmo, O Garaxe Hermético poderá preparar unha exposición con reproducións dixitais que conteñan making-of da BD destinada, especialmente, á promoción nos centros de ensino.
2ª Modalidade adulta:
Obra adaptada do libro Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro.
O traballo presentarase maquetado, encadernado, da seguinte forma:
— 16 páxinas rematadas e rotuladas da banda deseñada e escaleta completa do guión ou storyboard completo.
— O formato deberá ser 21 x 29,7 cm, ou proporcional.
— O tamaño dos orixinais: mínimo DIN A4 e máximo DIN A3. No caso de que a maiores o traballo se presente en soporte dixital, deberá figurar a tamaño final (21 x 29,7 cm) e en resolución de 300 ppp para color, 400 ppp para grises, e 600 ppp para branco e negro, en soporte CD ou USB en formato TIFF.
— A extensión mínima será de 80 páxinas mínimo e 120 páxinas de máximo.
Cada obra será presentada baixo o sistema de plica, polo que se enviará un sobre á parte en cuxo exterior conste: VII Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada, o título da obra ou o seu lema, así como o pseudónimo da persoa que sexa a autora da obra; no seu interior será incluída a documentación seguinte en sobre pechado:
— Copia do documento de identidade.
— O enderezo, un teléfono de contacto, un correo electrónico.
— Un breve currículo.
— Declaración de que a obra é inédita e que non foi premiada, até a data de presentación, en ningún outro certame ou premio.
— Un escrito en que manifeste a súa conformidade coa cesión dos dereitos de edición da obra (incluídos os de publicación, distribución e explotación) por un prazo de dezaoito meses desde a data da concesión do premio.
— Declaración de consentimento expreso para o tratamento dos datos persoais que constan na solicitude para a participación no IV Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada de conformidade co establecido na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
No caso de autoría conxunta, ademais do documento anterior, deberá incluírse un documento explícito coa participación de cadaquén e a porcentaxe do premio pactada entre as persoas autoras e asinada por elas.
Cuarta
O prazo de presentación de orixinais comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria nas webs de Editorial Galaxia e O Garaxe Hermético. Os orixinais serán enviáranse a O Garaxe Hermético, Rúa Álvaro Cunqueiro nº 4, baixo, Pontevedra, indicando no sobre “VII Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseñada”.
A data límite de recepcións de orixinais rematará o día 1 de abril de 2026.
Quinta
O xurado estará presidido por dous representantes de Editorial Galaxia, dous representantes de O Garaxe Hermético e formará tamén parte del unha persoa de recoñecido prestixio no ámbito da banda deseñada, nomeada polos organizadores.
A composición do xurado darase a coñecer con anterioridade á súa reunión.
Sexta
As persoas participantes terán a obriga de comunicarlles aos organizadores a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, e será necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
A decisión do xurado, que terá lugar o 1 de xuño de 2026, darase a coñecer polas canles habituais de Editorial Galaxia e de O Garaxe Hermético.
Se hai unha obra finalista, a plica correspondente a esta poderá ser aberta pola persoa que exerza a secretaría do xurado, co fin de que, se a súa autora, autor ou autores o permiten, poida ser dado a coñecer o seu nome.
O autor/a da obra gañadora deberá entregala para a súa publicación o 1 de novembro de 2026 sendo publicada no primeiro trimestre de 2027.
Sétima
Poderán solicitarse a devolución das obras presentadas e non premiadas. Durante o prazo dun mes dende a data de resolución do xurado, pasado este prazo serán destruídas.
Oitava
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.
Novena
Os datos subministrados teñen a finalidade de poder tramitar esta convocatoria e están protexidos pola Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
No caso de que se denegase o consentimento para o tratamento dos datos persoais, non poderá presentarse ao Concurso por imposibilidade de tramitación da solicitude.
O destinatario dos datos é O Garaxe Hermético, que non cederá datos a terceiros, salvo obriga legal. Os datos facilitados conservaranse ata a finalización da tramitación da convocatoria. As persoas que participen na convocatoria teñen os dereitos a acceder, rectificar ou suprimir datos erróneos, solicitar a limitación do tratamento dos seus datos así como opoñerse ou retirar o consentimento e solicitar a portabilidade destes en calquera momento. Estes dereitos poderán exercerse ante as oficinas centrais de O Garaxe Hermético.