Hoxe 17 de febreiro ás 18.30 no Salón de actos da Uned de Coruña terá lugar unha sesión da actividade "A creación literaria e os seus autores. Encontros con escritores". As autoras invitadas son as escritoras Anxos Sumai e Inma López Silva.

Anxos Sumai (Catoira, 1962) Estudou a carreira de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Biblioteconomía, Archivística e Documentación. Desde 1985 traballa como bibliotecaria e documentalista, desenvolvendo a súa actividade na Biblioteca Nodal e no Museo Provincial de Pontevedra. Actualmente coordina a área de Documentación do Consello dá Cultura Galega. Colaboradora de distintas publicacións nos anos oitenta e noventa, a súa actividade literaria desenvólvese na rede dende o ano 2001 no portal: culturagalega.org , onde tivo as seccións "Anxos e diaños", con Roberto Ribao, "Anxos da garda" e "Crítica dá memoria pura". Na revista Guía dos libros novos contou coa sección propia "Hemisferio Oeste" e no Diario Cultural da Radio Galega tivo o espazo "Somos perigosamente normais". Entre os traballos de tradución destacan os Diarios de Syra Alonso.
Como narradora publicou Anxos de garda (A Nosa Terra, 2003), Melodía de días usados (Galaxia, 2005), Así nacen as Baleas (Galaxia, 2007), Perigosamente normais (Universidade de Santiago de Compostela, 2008), Fedya Sergéevich derreteuse de amor (Augatinta, 2010) e A lúa da colleita (Galaxia, 2013). En 2004 foi Premio da Crítica Galicia. En 2007 gañou o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres. En 2007 recibiu o II Premio de Narrativa Breve Repsol YPF pola obra Así nacen as baleas e o Premio á Autora do Ano concedido polos membros da Asociación Galega de Editores. Por este mesmo libro obtivo o Premio San Clemente, concedido por rapaces de diversos institutos galegos. É a gañadora do Premio García Barros 2013.

Inma López Silva (Santiago de Compostela, 1978) é escritora e crítica teatral. Doutora en Filoloxía e Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbona, actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde onde desenvolve unha intensa actividade crítica que se materializa nas súas publicacións en Tempos Novos, Revista Galega de Teatro, ADE ou Grial. É membro do consello de redacción de Dorna. Columnista na Voz de Galicia, é autora dunha ducia de libros e destaca como unha das escritoras de ficción contemporánea máis aclamadas pola crítica.
A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002. No 2007 publicou New York, New York, diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido para o castelán. Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. No ano 2012 publica na editorial Galaxia o libro de relatos Tinta e no 2014, na mesma editorial, o ensaio Maternosofía diario dunha escritora que vive por primeira vez a experiencia da maternidade. É tamén tradutora de Calígula. O malentendido, de Albert Camus (2009, Galaxia) eAs criadas. O balcón, de Jean Genet (2010, Galaxia).
A sesión poderá seguirse por videoconferencia dende a seguinte ligazón de intecca.uned.es: http://tinyurl.com/j2c4sjy

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR