'Os sete cabuxos', 'Branca de neve e os sete ananos', 'O galo Quirico' e 'Os catro amigos' son os catro primeiros títulos escollidos pola nosa editorial para presentar a colección 'Audiocontos' que hai unhas semanas chegaron ás librerías de toda Galicia. Presentados no seu día na feira Achegarte, están a ter moi boa acollida nas tendas galegas. Dende esta mesma web podes ver o video promocional que a Editorial Galaxia elaborou para a ocasión.
Os audiocontos son unha fermosa proposta que conxuga a literatura de sempre cunhas versións dramatizadas, en CD, a cargo de dúas coñecidas voces da dobraxe galega (Teresa Santamaría e Paco Barreiro), baixo da dirección de Tero Rodríguez.
Estes primeiros audiocontos permitirán, sen dúbida, achegar as historias que coñecemos de toda a vida doutra maneira aos máis pequechos da casa. Non se tratan de simples narracións, senón dunha proposta artística diferente e ao mesmo tempo complementaria ao libro. Os efectos de son, as músicas escollidas e a interpretación, fan destes audiocontos un produto novidoso que ensaiamos agora en galego.
Ademais, os CDs ábrense e péchanse cunhas animadas cancións que serven de pórtico e epílogo perfecto a unha das cousas máis marabillosas que hai: que alguén nos conte un conto.