Concerto de presentación do Teatro de Guiñol de Pirilampo en Ourense

Categoría: Nova

O Auditorio Municipal de Ourense acolle mañá sábado, ás 19h, o primeiro concerto de presentación de Teatro de Guiñol, o traballo literario musical co que o grupo coruñés Pirilampo homenaxea ao poeta Manuel María o ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas. As entradas están á venda en aTaquilla dende 3€.

Teatro de Guiñol presenta unha escolma dos versos máis retranqueiros e festivos de Manuel María, o que xa constitúe un garante de éxito entre o público ao que se destina. Compilados dos poemarios As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá, os once temas que conforman o álbum -e que mañá poderán escoitarse en directo por primeira vez- foron musicados polo grupo Pirilampo.

A natureza, O vento, A fala, Anduriñas, Neve ou o propio Teatro de Guiñol, que lle dá título ao álbum, son só algúns dos poemas escolmados, nesta ocasión, para o gozo de grandes e pequenos. Poemas atemporais para ser contados e cantados, moito máis aló deste ano 2016 no que se lle adica a Manuel María o Día das Letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email