COMA UN PAXARIÑO…

Categoría: Opinión



Balbino, Moncho e o noso querido Tomás quedaron orfos; orfos de pai e orfos dun amigo creador que a través deles fixo que moitos nos achegásemos de nenos por primeira vez á literatura galega, á escrita en galego.

Pachín non deixa de ouvear.

Non deixa de ouvear na paraxe da estrada a Santiago onde “espera que pase o leiteiro” ou o coche de liña por ver se o apreciado Neira Vilas vai nel, mais esta vez sen billete de volta.

Non hai moitos meses falabamos no quentor da súa biblioteca de Gres, ateigada de libros e lembranzas dunha vida dedicada ás palabras e á xente, pois, como el dicía, unha das razóns da súa escrita era a recuperación das palabras, das palabras galegas, para que non se perdesen no desuso entre as novas xeracións, entre as novas xentes, posto que as palabras son as que lles dan vida ás cousas, aos feitos e aos sentimentos en tanto que os nomean, e da súa utilización e recuperación depende a conservación da memoria cultural dunha sociedade.

Aquela tarde de quentor e invernía contou historias dos seus anos da diáspora caribeña a carón da súa recordada Anisia, embebido no recordo dunha época trepidante de fervor pola cultura e a alfabetización dunha xente que viña de liberarse da opresión e da ignorancia; pero tamén falamos do presente, que el vía esperanzador para unha Galicia que avanzara exponencialmente desde a súa mocidade, mais tamén con preocupación por un futuro no que o desleixo polo propio, sen caer no folclorismo, fixese esquecer, nun “remuíño de sombras” a través dun “camiño bretemoso”, o que fomos, o que somos.

Folleando nos recordos de “xentes no rodicio”, pasando as páxinas da vida nunha amena conversa de inesgotables anécdotas, contábame dos seus proxectos inmediatos, dos que tiña unha “romaría de historias”, montes e moreas para atravesar a valmontes; pero tamén se laiaba do tempo, que non paraba de correr e que podía truncar moitos deles. Nisto, folleando o exemplar dunha das primeiras edicións do seu Memorias, deu en parar nunha das ilustracións do seu amigo Luís Seoane, aquela en que Balbino “posa” cun paxaro, e, cun ton cheo de seguridade e unha chisca de retranca, asevera que antes ou despois haberá que marchar…, e o mellor xeito sería facelo “quedando coma un paxariño”.

E así foi.

O amigo Pepe marchou a outra noite calada e serenamente. Como faría Balbino, pícaro e retranqueiro, sen facerse notar.

Coma un paxariño.

Comparte nas túas redes sociais ou por email