Coidar o medio ambiente, unha responsabilidade de todas

Categoría: Nova

Hoxe celebramos o Día da Educación Ambiental, unha data que nos lembra a importancia de coidar e preservar o máis importante que temos: a natureza. Xenerosa e sabia, é a encargada de brindar a todas e todos os recursos necesarios para sobrevivir e desfrutar do mundo. Como especie humana, temos unha débeda con ela, o planeta está sufrindo e, entre todas as persoas, é a nosa responsabilidade coidalo e procurar que este teña un futuro mellor.
O cambio climático, a deforestación, a contaminación dos océanos… son realidades que parten dun mesmo punto: a irresponsabilidade persoal e empresarial de todos aqueles que deciden mirar cara a outro lado, en lugar de buscar alternativas de consumo, enfocadas á sostibilidade.
A educación é a arma máis poderosa que temos para cambiar isto, polo que é fundamental que as nenas e nenos tomen conciencia dende as primeiras idades do gran reto que afrontamos. É esencial que a cidadanía atope un camiño cara a unha realidade sostíbel. Educar á cativada neste tipo de valores é fundamental para que os líderes do futuro poidan atopar solucións e crear novas formas de xerar un mundo mellor.
A autora e contacontos Paula Carballeira, cómplice nesta loita, pon o seu grao de area escribindo en prol dunha sociedade máis concienciada. Proba disto é o seu libro, publicado na colección Árbore de Editorial Galaxia, Carabela. Pensado para unha lectura a partir de 9 anos, esta obra de teatro, seleccionada pola prestixiosa lista OEPLI no ano 2020, amosa a importancia de preservar o medio ambiente.
Ilustrado por Abi Castillo, conta a historia de Carabela, a cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico, onde está soa e rodeada de peixes mutantes que a advirten que son tóxicos, de paxaros que tamén se queixan por comer substancias nocivas… Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de Plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena.
Coidemos, todas as persoas, o noso mundo, único e perfecto; loitemos por un futuro sen plásticos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email