25 aniversario do nacemento de Harry Potter

Categoría: Nova

En xuño cúmprense 25 anos dende que se publicou o primeiro tomo da saga protagonizada polo mago máis famoso do mundo: Harry Potter e a pedra filosofal.
Un 26 de xuño de 1997, unha decidida J. K. Rowling, daba a luz o que sería o comezo dunha viaxe máxica que arrastraría a persoas de todo o mundo. A publicación foi unha fazaña, xa que nos primeiros intentos foi rexeitado por distintas editoriais. Ao conseguir que publicasen o seu primeiro libro, este, foi un éxito enorme. As vendas dos libros convertéronse nunha celebridade e o resto, hoxe, é historia.
A talentosa escritora viaxaba, en 1990, nun tren con catro horas de atraso desde Manchester ata Londres. Foi nese punto cando a idea dunha historia sobre un neno que asistía a unha escola de maxia apareceu completamente formada na súa mente. “Realmente non sei de onde veu a idea. Comezou con Harry, e logo todos eses personaxes e situacións irromperon na miña cabeza”, asegurou nunha entrevista para o xornal The Boston Globe. Asombrada por este descubrimento, unha vez chegou ao seu apartamento comezou a escribir apaixoadamente todo.
A saga, que está formada por sete fabulosos libros, como Harry Potter e a Cámara dos Segredos, Harry Potter e o preso de Azkaban, Harry Potter e o Cáliz de fogo, Harry Potter e a Orde do Fénix, Harry Potter e o misterio do príncipe e Harry Potter e as reliquias da morte, está publicada, en galego, pola Editorial Galaxia, en colaboración con Ediciones Salamandra de Barcelona.
Coas últimas saídas editoriais no ano 2008, Editorial Galaxia presenta en lingua galega a serie completa do popular personaxe.
Estes libros, cheos de aventuras, forman parte do imaxinario de millóns de nenas e nenas, que soñan e pensan en todo tipo de linguas. Harry Potter, que quedou orfo no momento mesmo do seu nacemento, vivía cuns tíos e un curmán que non o trataban demasiado ben. Pero un día chégalle unha carta na que se lle anuncia o seu ingreso en Hogwarts, unha especialísima escola de maxia e artes secretas. A partir dese momento todo cambia na vida de Harry, que vivirá grandes aventuras en compañía dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley.
Realidade e ficción, normalmente, viaxan xuntas. Inevitablemente, Rowling, como a gran maioría de artistas, non podía deixar de lado os acontecementos que sucedían na súa vida persoal, os cales influenciaron directamente a súa escrita. En decembro dese mesmo ano, a súa nai morreu, despois de sufrir esclerose múltiple durante dez anos. Ela mesma afirmou que estaba escribindo Harry Potter cando sucedeu. A súa morte afectou á súa escritura, facendo que introducira moitos máis detalles sobre a perda dos pais de Harry no primeiro libro, porque sabía como se sentía o cativo, atravesando, ela mesma, un proceso de duelo.
Dificultades económicas, retos persoais… foron moitos os obstáculos que tivo que atravesar unha das mulleres máis brillantes da literatura infantil e xuvenil actual, dende poñer as súas iniciais nas portadas, xa que “un apelido feminino atraería menos o interese dos nenos”, como lle recomendou o seu editor, Bloomsbury, ata ser rexeitada por moitas editoras antes de conseguir publicar.
Hoxe é a muller máis rica do Reino Unido, e moito máis rica ca Raiña Isabel II; e a primeira persoa que se fixo millonaria escribindo libros.
A escritora obtivo o Premio Príncipe de Asturias da Concordia no ano 2003.

Comparte nas túas redes sociais ou por email