Cociña e música infantil na Feira do Libro de Vigo

Categoría: Nova

A feira do libro de Vigo comeza na Alameda este venres. A nosa editorial vai ter unha presenza moi importante, sobre todo porque dende o luns ao venres vai desenvolverse a Semana da Música Infantil que todos os días da semana que ven, dende as 20 horas, no formato de pequenos concertos en acústico, vai ofrecer un concerto dirixido ao público familiar e infantil protagonizado polas primeiras figuras da música para pequechos do noso país.
Mais antes, o sábado, ás 20 horas, presentaremos o libro 'A cociña dos Cunqueiro', de Elvira González-Seco Seoane, libro que recolle o receitario da dona de don Álvaro e que publicamos cun prólogo de César Cunqueiro . Participan no acto a doutora Carmen Freire, o responsable da edición, Miguel Vila, César Cunqueiro e Víctor F. Freixanes, escritor e director xeral de Galaxia.
Logo, o luns, será o tempo para a cativada co arranque da Semana da Música Infantil na Feira do Libro, un espectáculo producido por Editorial Galaxia e que dá comezo coa actuación do popular grupo de música infantil, Mamá Cabra, quen leva á Alameda viguesa o seu espectáculo 'Ola, ola, lá!', un mollo de divertidas cancións para que ninguén quede sen bailar.
A Feira do Libro énchese, nos seus primeiros días, de sabor e música.

Comparte nas túas redes sociais ou por email