Claves da literatura galega

Categoría: Nova

Galaxia publica na colección Ensaio A literatura galega contada aos escépticos, de Manuel Veiga.

Esta lectura reflexiona sobre as razóns que levan a algúns afeccionados á lectura a non ler libros en galego nunca. E non só por falta da competencia lingüística suficiente. Hai outros motivos: a maior oferta en castelán ou a presenza en lugar subalterno dos libros na nosa lingua.

Moitos lectores e lectoras son escépticos, ademais, porque ven o producido en Galicia como unha sorte de material de segunda clase. Confían máis na calidade da nosa gastronomía que na das nosas letras. Esquecen que ultimamente se conseguiron varios Premios Nacionais de Literatura.

Con todo, o propósito deste libro non é destacar o bo que hai publicado. Trátase, máis ben, dunha interpretación persoal da nosa literatura recente. O autor fala dalgunhas das correntes principais e das súas limitacións, e analiza o esforzo dalgúns autores e autoras por superar os límites convencionais.

A conclusión é que, a pesar da magreza de público, a literatura galega está viva. Pero, descubrir as súas claves e os seus eixes primordiais, non sempre é fácil.

Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960) é doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.  Exerceu o seu labor xornalístico, durante vinte e sete anos, no semanario A Nosa Terra, do que chegou a ser director. Como escritor, escribiu, entre outras, as novelas O exiliado e a primavera (Premio Xerais 2004) e Lois e Helena buscándose nun día de tormenta (Premio García Barros 2006), ademais de ensaios como Galicia contada aos non galeguistas (2020) e Que sabes da Guerra Civil e o franquismo? (2021).

Comparte nas túas redes sociais ou por email