Presentación de “O corazón das casas”, en Vigo

Categoría: Nova

O mércores 3 de abril, celebrarase, ás 20 h, na libraría Cartabón, en Vigo, a presentación de O corazón das casas, de An Alfaya, ilustrado por Mario G. Alfaya.

Acompañando a autora e o ilustrador, estará Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

Para os máis pequenos da casa publicamos, na colección Árbore, O corazón das casas, de An Alfaya, a viaxe emocional de Eli, a nena protagonista, nunha historia tecida cos fíos do real e do imaxinario na procura do talismán da amizade.

Todas as casas teñen corazón e cada corazón agocha un segredo, sabíalo?

Eli lembra a súa infancia cos seus pais, Marga e Telmo, que reformaban casas vellas, e vivían nelas mentres as reconstruían. Nunha delas, na casa da cerdeira, atopa un obxecto que a leva a descubrir a Mencía, unha misteriosa nena que se acanea nun bambán no xardín, cuxa presenza lle provoca sensacións que non é quen de entender.

Os enigmáticos silencios do xardineiro Sebastián e a retranca da tendeira Candelaria provócanlle moitas preguntas e case ningunha resposta, mais a súa curiosidade é moita.

An Alfaya (Vigo, 1964). De cativa era tímida e illábase nun curruncho do patio da escola para escribir. De moza publicou o seu primeiro relato titulado “Ansia fatal”, na revista do instituto, e logo, mentres estudaba Maxisterio, escribiu o conto “Os morcegos”, que sería premiado nun concurso para a xuventude. Cóntavos isto para que saibades que a infancia e a adolescencia son moi importantes na vida das persoas, e ás veces espertan as nosas vocacións. De nova fixo teatro para vencer a súa timidez, algo que conseguiu só a medias. Tamén lle gustan as matemáticas.

Publicou libros para todo tipo de lectorado, e algúns foron premiados, mais, como sería aburrido poñelos todos, fixo unha escolma: O maquinista Antón (teatro), A encontadoraA ánfora exipcia e O fío vermello (novelas para a infancia); A sombra descalzaIlla SoidadeA cea das enaguas e O grupo (novelas para a mocidade).

En Editorial Galaxia publicou varios dos seus libros, os dous últimos na colección Árbore: Soleando (poesía) e este que tes nas mans, O corazón das casas, unha novela envolta cunha pátina de misterio que An vos convida a ler.

Comparte nas túas redes sociais ou por email