Esta semana comezarán a chegar ás librerías de toda Galicia o novo traballo do grupo de música Mamá Cabra e que leva por título 'Bicos de música'. Como xa fixeran con 'Ola, ola, la!' o seu primeiro traballo en Galaxia (ao que seguiu 'Xa me tardan estes Magos', premio da Asociación de Editores ao Mellor Libro Infantil do Ano), desta volta ofrécennos ademais do CD cos dez temas novos, un DVD, no que participou a Televisión de Galicia e Pórtico Audiovisuales que vén sendo unha película completa que segue ao grupo dende primeiras horas da mañá, cando se xuntan para ensaiar, ata o final do día, cando chega o intre de durmir.
Dez cancións, dez historias, un audiovisual e, coma sempre, os mellores ritmos (ilustrados, coma sempre, maxistralmente por Kristina Sabaite) e que van poñernos a bailar e cantar sen pausa.
No noso blog deixamos un completo álbum de fotos que nos deixarán ver, un pouco, como foron as divertidas sesións de gravación do audiovisual.