Chega ás librarías o Lourenço, xograr de Manuel Portas

Categoría: Nova

Chega ás librarías Lourenço, xograr, novela coa que Manuel Portas obtivo o Premio García Barros do ano 2015. Trátase dunha novela histórica que contribúe á divulgación da historia e da literatura medieval galegas por medio dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que nos asomamos non so aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas entrelazadas das distintas clases sociais da época. O premio entregarase este venres día 20 na Estrada.

O apaixonante e convulso mundo medieval en que se desenvolve a lírica galego-portuguesa, as intrigas palacianas, as batallas, os asaltos a castelos na guerra civil que sacode o reino de Portugal, convértense no pano de fondo para o devalar biográfico do protagonista, no que tamén ten cabida o amor.

Mediado o século XIII, Lourenço, un rapaz, un humilde vilán, soña con ser trobador. Como xograr do cabaleiro Joam García de Guilhade, buscará fortuna nas cortes peninsulares no empeño de que a súa arte sexa recoñecida polos escritores contemporáneos. Nin as burlas, nin os desprezos clasistas, nin as penalidades das continuas viaxes, nin sequera as descualificacións sobre os seus dotes literarios conseguirán vencer a súa férrea vontade.

Unha morea de poetas, moitos deles nobres sen diñeiro, pululan polas cortes á procura do favor do rei. Eles non van consentir que un vulgar xograr, un aprendiz de ferreiro, fillo dun soldado anónimo e dunha simple cociñeira, poida equipararse a eles.

Por se fose pouco, o mozo é de carácter namoradizo e arrastra desde a adolescencia unha historia de amor coa filla dunha das familias máis sobranceiras da época.

Manuel Portas (Barcelona, 1960) é profesor de lingua e literatura no Instituto Xelmírez I de Santiago, do que é o seu director. Alén da colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións pedagóxicas, é coñecido polo seu labor no campo da aná- lise sociolingüística, onde salienta Língua e sociedade na Galiza (1990), obra sobranceira da sociolingüística galega. Denso recendo a salgado (2010) foi a súa primeira novela. Seguírona Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca Brava (2013) e Amor en alpargatas (2015).

Comparte nas túas redes sociais ou por email