César Antonio Molina, ministro de Cultura

Categoría: Nova

César Antonio Molina (A Coruña, 1952) estudou Dereito en Santiago de Compostela e doutorouse pola Universidade Complutense de Madrid, cun traballo sobre as revistas literarias en Galicia (Xerais, 1991). Autor de dous poemarios en lingua galega, a súa actividade como crítico literario e editor centrouse, entre outros, na obra de Torrente Ballester (Alianza Editorial) e Álvaro Cunqueiro (Tusquets), ademais dunha ampla curiosidade por diversas literaturas, moi especialmente polos autores latinoamericanos e europeos contemporáneos. Casado coa crítica literaria Mercedes Montmany, e pai dunha filla, Laura, o seu vencello con Galicia e coa literatura galega é moi estreito.

Recentemente doou a súa biblioteca persoal á Deputación Provincial da Coruña, coa que colaborou para poñer en marcha no seu día o Premio de novela Torrente Ballester, que atinxe a obras escritas en galego ou en castelán.

Foi durante anos director de Cultura do xornal Diario 16 e director do Círculo de Bellas Artes, en Madrid, antes de facerse cargo do Instituto Cervantes. Hai pouco que, por iniciativa súa, nas instalacións deste Instituto se creou a Biblioteca Álvaro Cunqueiro na cidade de Damasco, e tamén por iniciativa súa, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, se traduciu ao árabe a novela Si o vello Sinbad volvese ás illas do autor mindoniense.

O nomeamento non pillou de sorpresa ao mundo intelectual español e galego. Non é a primeira vez que o nome de César Antonio Molina soaba como posible candidato a unha cadeira ministerial. A súa capacidade de xestión, as súas relacións internacionais, a súa curiosidade intelectual e a súa obra literaria, que atinxe diversos xéneros: dende o ensaio á poesía, dende a crónica de viaxes á crítica literaria e a ficción narrativa, son abondo recoñecidas no ámbito da cultura española e latinoamericana.

Eume, a súa última entrega (Editorial Galaxia, 2007, colección Dombate), recupera a lingua galega para a expresión poética, recreando o espazo marabilloso das vellas fragas, a memoria sentimental de moitos amigos e a visión aberta e universalista da cultura que sempre o caracterizaron. A editorial Pre-textos anuncia para os próximos meses a edición da poesía completa de César Antonio Molina, tanto en galego como en castelán.