Celebramos á poeta da “Cidade Alta”

Categoría: Nova

Editorial Galaxia celebra a figura poliédrica da gran Luísa Villalta, mestra, poeta, música ou filóloga… son algunhas das facetas nas que despuntou a homenaxeada no Día das Letras Galegas.

Luisa Villalta foi unha persoa moi comprometida coa escrita e a sociedade que lle tocou vivir, onde como ela dixo, “as palabras son enerxía contra o tempo e o único depósito fiábel para a esperanza”.

Durante este ano, en honra ao seu legado publicamos títulos como:

NARRATIVA REUNIDA. 1991-2001, que recolle a obra narrativa que publicou en vida. O volume está conformado polo libro de relatos Silencio, ensaiamos (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo. Tamén pola novela Teoría de xogos (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva. E finalmente a novela histórica As chaves do tempo (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros. Un libro de forte carga simbólica arredor da nosa identidade.

LIBRO DAS COLUNAS. Unha recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña onde se recolle a obra xornalística publicada por Villalta no semanario A Nosa Terra entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 marzo de 2004, tan só dous días antes da súa tráxica perda.

Son artigos de variadas temáticas, mais en todos eles están presentes as liñas de forza que percorren toda a súa obra dende o compromiso coa lingua e a cultura galega, a militancia cidadá, a denuncia social e a loita contra a indulxencia e a conivencia co poder establecido.

EN CONCRETO. Publicado en colaboración co Concello da Coruña, unha edición especial, con limiar de Estíbaliz Espinosa e fotografías de Xurxo Lobato.

Esta obra póstuma, no seu día merecente do XII Premio de Poesía Espiral Maior (2003), e Premio da Crítica de Galicia 2005, volve aos andeis literarios cunha nova mirada. A poeta da cidade alta, a través dunha sensibilidade única, conxugando o sentido poético e musical, deixou un legado tras de si que hoxe seguimos celebrando. Este poemario é un exemplo de como a autora muda a perspectiva poética, a través dun traballo profundamente persoal, que xoga con diferentes fórmulas expresivas para amosar os paisaxes externos que forman parte da vida da autora. Unha fermosa homenaxe á súa querida Coruña.

 

 

 

 

 

 

 

Estas publicacións completan a nosa proposta editorial arredor das Letras Galegas deste ano xunto con PENSAR É ESCURO, en edición de Armando Requeixo, recupera os catro títulos que a homenaxeada dispuxo en vida para a súa publicación: “Música reservada” (1991), “Ruído” (1995), “Rota ao interior do ollo” (1995) e “En concreto” (2004); xa chegou á súa 3ª edición; e O OUTRO LADO DA MÚSICA, A POESÍA, en edición de Requeixo, neste volume, que xa acadou a súa 2ª edición, achegámonos á Luísa poeta, pero tamén á especialista en música, que asumía que ambas as artes bebían a unha da outra.

Isto é tamén unha muller que resiste.

Palabra de Luísa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email