Mañá, xoves 17 de maio, celebramos, ás 10 h, o Día das Letras Galegas, inaugurando a exposición Luísa Villalta. A música das palabras, na Coruña. Unha mostra promovida pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña, comisariada por Xesús Domínguez Dono; deseño e maquetaxe de Hayat Husein; e producida por Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia).
Será na sala de exposicións do Concello da Coruña.
No acto, participarán o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos; a Alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey; e o comisario da exposición, Xesús Domínguez.
A exposición sobre Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), poeta homenaxeada na festa das Letras, repasa a traxectoria biográfica e profesional da polifacética escritora da “Cidade Alta” co fin de axudar a comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no panorama contemporáneo cultural de Galicia.
O proxecto componse de 14 paneis que repasan, mediante textos divulgativos e unha ampla información visual, a súa traxectoria vital, intelectual e profesional, facendo parada especial na súa relación coa Coruña, con versos dos seus poemarios e fotografías de Xurxo Lobato.
Os paneis compleméntanse con mesas-vitrina, documentación e obxectos relacionados coa poeta, que completan a información.
Celebramos a súa palabra “con tinta de mar”.