Sae do prelo Café Voltaire, unha publicación que conmemora dez anos de libros e tertulias en Vigo. Explica Carlos Fernández no limiar que todo comezou despois da morte de Carlos Casares e X. A. Fernández Moreno. Un tanto orfos de palabra e sitios de encontro, un pequeno grupo de persoas decidiron crear unha tertulia que fuxise case por igual de rixideces académicas e de murmuracións divagantes, aínda que estas non faltasen. Para que a inevitable deriva da charla non rematase en naufraxio nunha illa de caníbales a celebrar unha merenda, decidiron centrala nun libro, cunha introdución explicativa a cargo dun contertulio, acompañada dun xantar no que non faltase viño, xamón, café, copas e palabras. Como o lugar de encontro debía estar á altura do ágape, pasaron unha tempada de tertulianos errantes ata que atoparon localización definitiva. E como había que ter tempo abondo para ler o libro, acordamos que a tertulia tivese unha periodicidade mensual. E así, dende hai máis dez anos.
Para celebrar o décimo aniversario da Café Voltaire, nace este libro de ensaios, escrito por algúns dos participantes da tertulia: Berta Álvarez Cáccamo, Xosé María Álvarez Cáccamo, Tiburcio Angosto, Xosé Carlos Arias, Miguel Barros, Xavier Castro, Carlos Fernández, Xosé Fortes, Cipriano Jiménez, Basilio Lourenço,Xulián Maure, Luís Paradelo, Severo Pardo, Miguel Pérez Pereira, Adela Rodríguez, María Jesús Villafáfila e Damián Villalaín. O resultado é este Café Voltaire. 10 anos de libros e tertulias en Vigo, ilustrado con retratos realizados por Miguel Fernández e debuxos de Ánxel Huete.