Bocata de felicidade

Categoría: Nova

Para o libro 'Cociñando ao pé da letra', Lucía Aldao foise a unha proposta absolutamente clásica: un bocadillo. Iso si: de felicidade.
Aquí deixamos a receita.

BOCATA DE FELICIDADE

En cada unha das lámpadas
que o futuro teña a cortesía de deixarme frotar,
pido agora por estar ben atenta para que se me cumpra poder xuntar
o desexo coa necesidade.

Pido tamén
renegar da vocación sen reparo nin pudor,
e que o enxeño me sorprenda
facéndome rir,
agasallándome coa felicidade de atoparme contenta
na nova dedicación que me dará de comer.

Chegado ese punto, eu quererei dar de comer.
E fareino a golpe de bocata.

(número 1: pan do bo, carne da boa, pemento e cebola asada, ovo fritido, queixo do país)

Farei do meu taxi un ultramarinos,
e percorrerei a noite da cidade herculina (a poder ser)
ofrecendo marabillas entre pans.

(número 2: pan branco, marisco de mentira, cenoria, ovo cocido, leituga, maionesa)

Sei cales son as horas da fame,
os momentos nos que o estómago, de poder falar,
diría: " o meu reino por unha mordedela".

(número 3: bocadillo de zorza con patacas fritidas –dentro, si-)

Serei tema de conversa entre os famélicos,
que saberán de memoria o meu número de teléfono e o listado de ingredientes.
Fareilles chegar a recunchos insospeitados
rapazas de hamburgo cos seus rizos de escarola,
comuñóns de doce con salgado galopando a xeito de calambre entre as mandíbulas.

(número 4: torrada de queixo de cabra con doce de arandos)

A fame será unha cousa preciosa porque alí estarei eu para aplacala,
no meu taxi,
repartindo merendas a deshoras.

(Que se atreva a poesía a esgotárseme,
que xa morro por facerche un bocata.)

Comparte nas túas redes sociais ou por email