Uxío Novoneyra está xa gravemente enfermo e rememora a súa vida, desde O Courel da II República ás rúas de Zúric onde viu, a primeiros da década de 1990, os rapaces anestesiarse con heroína. Xorden así unhas memorias concibidas con aparencia de autobiografía, nas que a figura totémica de Novoneyra o inunda todo.
En A distancia do lobo, Antón Lopo utiliza a obra do poeta, as súas entrevistas e os seus discursos para reconstruír a traxectoria vital dun escritor que mantivo a liberdade como principio irrenunciable. A partir dese material, e mediante unha serie de entrevistas con Elba Rey -viúva de Novoneyra- e con amigos e persoas que o trataron en vida, trénzase unha peripecia que se inicia cos estertores da vida e conclúe na infancia.
Galaxia anuncia a próxima saída doutras dúas obras arredor de Uxío Novoneyra: a Antoloxía poética, con edición e limiar de Arturo Casas, e unha nova edición de Do Courel a Compostela, ilustrada con fotos e acompañada dun CD para escoitar a Novoneyra recitando os seus poemas.