Berta Dávila gaña o Premio García Barros 2019

Categoría: Nova

Reunido hoxe no concello da Estrada, o xurado do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela Carrusel que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Berta Dávila.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, actuando como secreatrio, destacou a “depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes”, que nos achegan a un “mundo interior gobernado pola autenticidade dos sentimentos”.
En Carrusel, unha narradora magoada polas súas experiencias precisa revisar os camiños andados e as relacións afectivas que pularon pola súa faceta de escritora. Unha proposta narrativa construída a través de varias trabes dicursivas que, con cada reviravolta, engade un detalle que resultará fundamental para a trama na que se combina a sensualidade, a dor e a ilusión coa lóxica das ciencias como ancoraxe racional do incomprensible.
Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés: Marcos Calveiro, Manuel Portas, Antón Lopo, Anxos Sumai, Ana Cabaleiro… son só algúns dos autores premiados nos últimos anos aos que agora se suma o nome de Berta Dávila, quen regresa así á narrativa para adultos seis anos despois de publicar a exitosa O derradeiro libro de Emma Olsen (2013), que vai xa pola súa 5ª edición. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Carrusel será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora dos poemarios Corpo baleiro (2007), Dentro (Premio Avelina Valladares, 2008) e Raíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira e Premio da Crítica Española). No eido da narrativa publicou Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos), o libro de relatos A arte do fracaso (2010), e O derradeiro libro de Emma Olsen (2013, Premio de Narrativa Breve Repsol, Premio Autora do Ano da Asociación de Editores/as en Lingua Galega e Premio da Asociación de Editores ao Mellor Libro de Ficción). O seu último libro publicado é o poemario infantil A pel do mundo (2017).

Comparte nas túas redes sociais ou por email