Entréganse os premios do Reto Lector 2019

Categoría: Nova

Icía García Carregal, natural de Melide (A Coruña), gañou esta terceira edición da campaña de fomento da lectura promovida dende a Editorial Galaxia cun vídeo no que anima a ler A filla do minotauro de Marilar Aleixandre. Declaráronse ademais outros cinco vídeos finalistas.
No día de onte, 11 de xullo, entregáronse na Casa Galega da Cultura de Vigo os premios do Reto Lector 2019, unha actividade de referencia na promoción da lectura en lingua galega destinado a mozas e mozos de entre 12 e 16 anos. Para participar, a rapazada tiña que enviar un vídeo recomendando algunha das obras do catálogo de Galaxia, de xeito que alentase a outros a ler. Así, non só se favorece o sentido crítico, senón que se busca visibilizar as novas tecnoloxías como unha ferramenta de difusión da lingua e a literatura galegas entre os máis novos.
A gañadora deste ano, escollida por un xurado conformado por alumnas e alumnos de secundaria, foi Icía García Carregal (Melide), que recomendaba no seu vídeo A filla do minotauro de Marilar Aleixandre (Premio Raíña Lupa, 2017) tanto aos amantes da mitoloxía como a aqueles que aínda non se adentraran nese mundo, ao tempo que sinalaba algunhas das curiosidades da novela. O premio, consistente nun iPad de última xeración, foille entregado por Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Ademais da gañadora, declaráronse cinco vídeos finalistas cuxos autores recibiron un lote de libros de Galaxia: Sara Sabir (Cuntis), que recomendaba Guedellas de seda e liño de María Victoria Moreno; as recomendacións que fixeron Nee Barros (Marín) e Luna Nogueira (Fene) de Iridium de Francisco Castro; a recensión sobre Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra i Fabra, levada a cabo por Irene Pérez (A Coruña) e o comentario de Xana Rivas sobre Made in Galiza.
Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, agradeceu a implicación de todas as rapazas e rapaces e remarcou algunhas das características máis orixinais dos vídeos. Asegurou, ademais, a continuidade no futuro deste proxecto do Reto Lector e animou aos alí presentes a seguir participando.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email