Hoxe, martes 7 de outubro, celebrouse, no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a convocatoria do IV Premio de Novela Galicia Rural.
No acto interviron Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Xosé Miguel Pérez Blecua, alcalde de San Xoán de Río; Marcos Calveiro, director de edicións de Editorial Galaxia; e Óscar Reboiras, gañador do II Premio de Novela da Galicia Rural por A agonía das folerpas.

Entre os grandes retos que debe afrontar a Galicia de hoxe en día cómpre destacar a procura de alternativas para o desenvolvemento do rural de cara a garantir o seu futuro e adecuación ás novas realidades do século XXI, sen que iso derive nunha perda das súas tradicións, identidade e cultura. Así mesmo, considérase preciso potenciar a defensa da lingua galega e a promoción das actividades culturais no ámbito local. Neste sentido, co obxectivo de promover a visibilidade do mundo rural galego e reflexionar sobre as súas problemáticas, posibilidades e retos presentes e futuros a través da creación literaria, o Concello de San Xoán de Río, co apoio e patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, convoca o «IV Premio de Novela da Galicia Rural». Trátase dunha convocatoria dirixida tanto a autoras e autores xa consagrados como a novos talentos da nosa literatura que, coas súas novelas, queiran contribuír a poñer en contacto as lectoras e lectores co presente, o pasado e, especialmente, co futuro do mundo rural galego.
Todas as persoas interesadas poden participar nesta convocatoria dacordo coas seguintes BASES.