Rolda de prensa arredor do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado: “Un porquiño polo San Martiño”, na Estrada

Categoría: Nova

O xoves 9 de outubro, celebrarase, ás 12 h, na Sala de Xuntas do Concello da Estrada, unha rolda de prensa arredor da entrega do Premio Alberte Quiñoi 2025 de Álbum Ilustrado, Un porquiño polo San Martiño, de Macarena García Vicente e Iria Bermúdez Rozas.

Acompañando as autoras, estará Gonzalo Louzao Dono, alcalde do Concello da Estrada, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.

Curro recibe grandes doses de aloumiños, goza de longos paseos coa granxeira e come as mellores landras. Ata que un día escoita algo que remata coa súa tranquilidade.

Así comeza Un porquiño polo San Martiño, a obra coa que Macarena García Vicente e Iria Bermúdez Rozas acadaron o Premio Alberte Quiñoi 2025 de álbum ilustrado.

O libro combina un texto honesto e sensible cunhas ilustracións expresivas e coidadas, que se integran á perfección para ofrecer unha experiencia lectora chea de tenrura, humor e tamén reflexión. A historia de Curro pon en valor o respecto polos animais e sorprende cun xiro final que rompe con todas as expectativas.

Un álbum chamado a emocionar tanto polo seu contido como pola beleza visual que o acompaña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email