Autores de Galaxia en Bos Aires

Categoría: Nova

A Feira do Libro de Bos Aires é un dos grandes eventos editoriais do continente americano, que este ano volveu contar coa presenza de libros, editores e autores galegos, entre eles Editorial Galaxia. No stand da Asociación Galega de Editores, a Xunta de Galicia e o Instituto Arxentino da Cultura Galega celebrouse o pasado venres, 23 de abril, Día Internacional do Libro, un cóctel de recepción ao que asistiron medios de comunicación, autoridades e numeroso público relacionado con Galicia ou coa colectividade emigrante.

Entre as distintas actividades programadas para estes días na Feira están as sinaturas e intervencións públicas de autores de Editorial Galaxia, como Xosé Carlos Caneiro, que falou con María Esther Vázquez sobre a súa obra e a obra de Jorge Luis Borges (biografiado por ambos escritores), e Benigno Campos, que presentou A cociña de Larpeiros e disertou sobre as relacións entre gastronomía e literatura.

María Rosa Lojo, autora de A fin da terra (Literaria) e dunha celebrada obra entre os lectores arxentinos, tamén asinou exemplares dos seus libros e anunciou, xunto coa deseñadora Leonor Beuter (galego-arxentina tamén, filla da primeira) a próxima publicación de O libro das Seniguais e do único Senigual, álbum ilustrado de gran formato que editaremos en Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email