Este domingo arrancan os Domingos Musicais na Fundación Luis Seoane. Durante todos os domingos do mes de novembro, grupos musicais da colección Sonárbore actuarán na Coruña. O éxito é tal, que onte houbo que pendurar o cartel de NON HAI ENTRADAS.
Os Domingos Musicais son unha iniciativa organizada pola Fundación Luis Seoane e a Editorial Galaxia destinada ao público familiar, que contempla a celebración de catro concertos destinados aos máis pequenos e pequenas da casa. Os días 8, 15, 22 e 29, a partir das 12.00 horas, desenvolveranse presentacións dos máis recentes traballos editoriais de artistas como Mamá Cabra, Uxía, Magín Blanco e Chuches Amil.
Os Domingos Musicais arrincarán o día 8 de novembro cun concerto a cargo de Chuches Amil. Liderada por Fran Amil -antigo compoñente dos Diplomáticos de Monte Alto, e integrante de bandas como Ultraqäns ou Tres Trebóns-, esta banda debullará os temas do seu libro-disco Un conto ao revés, un álbum que narra as historias dos irmáns Eirín e Milucha cando cada noite se mergullan no fascinante mundo dos soños… Moito ritmo e rock´n roll nunha proposta que fará bailar aos pequenos e maiores da casa.
O 15 de novembro será a quenda de Sérgio Tannus. Este multi-instrumentista brasilego chega á Fundación Luis Seoane cargado da enerxía positiva que reflicte o seu álbum Alegría!, un libro e disco da Editorial Galaxia que narra as peripecias da eiruga Allegra na procura da felicidade. Unha historia con mensaxe destinada a deixar nos máis pequenos o pouso desta sabedoría por medio de fermosas cancións, mesturas de ritmos e colaboracións de primeiro nivel, como as de Sonia Lebedynski, Uxía, Xoán Curiel, Jara Ortiz ou Magín Blanco, entre outros moitos.
O ciclo continuará o día 22 de novembro cunha estrea de primeiro nivel. Uxía e Magín Blanco presentarán na Coruña, o seu último traballo Canta o cuco. Un libro-disco no que lle renden homenaxe ao xenial poeta Manuel María, a quen se lle adicará no vindeiro ano 2016 o Día das Letras. Canta o cuco supón o reencontro no plano musical de dúas das figuras máis representativas da música infantil en galego, como o son Uxía -María Fumaça, Xiqui Xoque, Fiú Fiú, Rosalía pequeniña…- e Magín Blanco -A nena e o grilo nun barquiño, a Nena e o grilo…-. Best sellers avalados pola súa extraordinaria calidade musical e polo éxito de vendas e público que veñen colleitando.
É este tamén é o caso de Mamá Cabra, un dos grupos precursores no panorama musical familiar en galego, que o día 29 de novembro chegará á Fundación Luis Seoane con outra estrea coa que agasallar ao seu fiel público. O grupo capitaneado por Gloria Roel presenta A bruxa discordia, cancións para a paz, un libro-disco ateigado de valores positivos destinado a aprenderlles aos máis cativos da casa, sempre desde o punto de vista lúdico, a importancia do respecto e a convivencia en harmonía.
Así pois, todo un mes de novembro por diante destinado a gozar da música en familia da man destes catro grupos e cadanseu álbum, todos eles pertencentes á colección Sonárbore da Editorial Galaxia. Os concertos do ciclo, de carácter totalmente gratuíto, terán lugar ás 12.00 horas na Fundación Luis Seoane.