Onte, Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia, en compaña da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentaban a Escola de Letras, pioneira en Galicia, en Vigo. Á presentación tamén acudiu o resto do claustro, formado pola escritora Inma López Silva e os escritores Antonio García Teijeiro e Diego Giráldez.
A Escola de Letras, que conta con sedes en Vigo e Pontevedra, nace con sete obradoiros que esgotaron en pouco menos de media hora a totalidade das súas prazas.
“Todxs temos unha historia que contar”, baixo esta premisa comeza este proxecto ilusionante que arrancou, onte pola tarde, co curso de Escrita Creativa con Francisco Castro. Continuará o 22 de xuño, e en setembro en horario de 19.30 a 21.30 horas. Un obradoiro que esgotou as prazas nunha media hora tras a apertura do prazo de inscrición e que conta cunha lista de agarda dunhas cen persoas. Nel, afondarase na creatividade, experimentación literaria e o pracer da escrita cunha perspectiva lúdica e participativa.
Xunto a este primeiro obradoiro, a Escola impartirá clases de escrita creativa, obradoiro literario de perfeccionamento, poesía, un curso literario para maiores, escritura creativa avanzada …, impartidos polo claustro anteriormente citado.
A Escola completará os obradoiros con masterclass e actos públicos en datas sinaladas. O alumnado poderá ver algúns dos seus traballos realizados durante os cursos, nun libro que formará parte do catálogo comercial da Editorial Galaxia.
Ademais de potenciar a creatividade, a Escola de Letras é unha porta para o alumnado que permite explorar(se) e ver o mundo doutra maneira. Un mundo no que empregar a sensibilidade e a poesía como ferramentas fundamentais; pois as palabras son instrumentos que nos axudan a comprender, a nós e aos demais, e achegarnos a outras realidades posibles e, no caso dos máis soñadores, facer o mundo un pouco mellor.
Podedes seguir toda a información sobre a Escola na nosa páxina web e redes sociais:
https://www.instagram.com/escola_deletras/
https://www.facebook.com/Escola-de-Letras-102350204830659/
https://twitter.com/escoladeletras