Os gregos chamaban pedagogo á persoa que acompañaba os nenos á escola, á persoa que os conducía ata o lugar onde tiñan que adquirir os coñecementos; polo tanto, educar é algo así como ‘facer camiño con’. Antía Cal, moi acertadamente, deu en titular a recolleita dalgunhas das súas vivencias como Este camiño que fixemos xuntos, porque, de feito, ela acompañou nos seus primeiros pasos na vida a moitos nenos e nenas galegos, e o groso da súa obra está centrado en experiencias de acompañamento. Baixo este título atopamos os recordos dunha muller, compañeira, mestra e amiga, que gusta de amosarse tal e como é.
No colexio Rosalía Castro de Vigo, centro que ela fundou, no primeiro día do curso, líalles aos alumnos un pequeno currículo,"Esta son eu", que tiña preparado a modo de presentación para que soubesen quen ía traballar con eles, como eran os seus pais, os seus avós e o seu mundo. Poida que este desexo de plasmar nun papel a súa vida lle veña de atrás. Xa o seu pai, Xosé Cal Reigosa, a través dunha carta, lle relataba a Antía as orixes da familia na serra da Gañidoira e a súa precaria situación inicial en Cuba ata que se fixo dono dunha empresa familiar, unha casa de empeños, El Volcán, que co paso do tempo lle permitiu ter "un hijo curando enfermos, una hija educando a los hijos de los demás y al hijo menor aportando medicamentos".
O desexo de educar os fillos dos demais aflora en Antía tras axudar a dona Roxelia, unha mestra de Muras "daquelas da época da república", e logo acentúase no contacto que mantén cun profesor de Xenebra discípulo de Pestalozzi que a fai pensar moi seriamente na educación dos seus propios fillos. Nas reviravoltas que dá a vida, no ano 67, cae nas súas mans unha carta que o grupo Rosa Sensat lle dirixira á Editorial Galaxia para darlle difusión a un curso de verán ao que máis tarde asistiu Antía coas súas cuñadas. Alí tiveron ocasión de coñecer unha institución de renovación didáctica do seu tempo na que a implicación dos rapaces e rapazas nos procesos de aprendizaxe era fundamental.
Algunhas persoas poderían botar a faltar un maior afondamento nas experiencias pedagóxicas de Antía Cal, pero a min non me acontece iso. Coido que ela se enfrontou ao ordenador coa mesma intención con que o fixo seu pai cando escribiu a carta: que os seus fillos e os seus netos soubesen dela, das súas inquedanzas, e sobre todo daquilo no que creu e segue a crer a día de hoxe. É o relato dunha vida, dun facer camiño coas súas amizades, coa súa familia, cos seus rapaces, e non resulta doado disociar a biografía pedagóxica das vivencias persoais da autora. Ademais, a súa humildade, de seguro que non lle permitiría pensar que a súa biografía sería do interese de moitas mestras, nais e pais galegos.
En definitiva, trátase dunha obra que se le enseguida porque o seu dinámico relato te atrapa. Con todo, o fundamental dela é que, dende o punto de vista pedagóxico, reflicte nas súas páxinas a meirande parte das ideas que deron fundamento ao ideario do seu centro, ideas coas que hoxe en día coincidimos moitas mestras e mestres de educación infantil, pero que –cómpre lembralo- Antía puxo en práctica xa nos anos sesenta do pasado século.