No día de onte, o xurado formado por Inmaculada Otero Varela, Manuel Santiago Fernández Álvarez, Xosé Manuel Eiré Val, Carlos Lema e Valentín García Gómez en representación do Concello da Estrada, reuníronse para fallar a nova edición do Premio de Novela Manuel García Barros.
O xurado acordou, por maioría, conceder o XXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema "Gödel", que unha vez aberta a plica, corresponde á novela con título Obediencia do autor Antón Lopo. En opinión do xurado, a novela gañadora destaca pola súa capacidade para trasladar aos lectores a unha Galicia do futuro que se torna completamente verosímil. A imaxinación creadora e a habilidade para construír unha historia nese futuro hipotético, usando a linguaxe das matemáticas, as imaxes visuais do cinema de ciencia ficción, e a intriga dunha trama que se desenvolve freneticamente cuns personaxes ben trazados e protagonizada por unha muller. Este fío argumental recolle debates políticos e loitas de poder nun futuro no que parte de Galicia está desertizada, outra parte baixo unha eterna néboa tóxica e na que se vai construíndo unha urdime con referencia xeográfica á Compostela cidade – estado independente e republicana do século XXII.