Antón Blanco Casás, gaña o XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo con “Bosque”

Categoría: Nova

Bosque, de Antón Blanco Casás, foi a obra gañadora do XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar.

Reunido o xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, en representación do Lucenza-Ateneo de Nigrán; por Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura; por Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior; por Tamara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia; e por Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XVI edición sexa o presentado baixo o lema Eu, belida, titulado Bosque, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Antón Blanco Casás.

O xurado valora a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal.

 Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

A obra gañadora será publicada baixo na colección Dombate de Editorial Galaxia. O acto de entrega do premio e a presentación do libro, celebrarase no mes de marzo de 2025, no cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo. Antes diso, no primeiro trimestre de 2025, o gañador impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición durante o mes de decembro.

O autor

Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) é profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Como poeta publicou A oseira (Chan da Pólvora, 2016), Tres estudos para un poema da cidade (Galaxia, 2018) e Voz do arqueiro (Chan da Pólvora, 2020), co que foi vencedor do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Este mesmo volume foi traducido ao castelán (Ultramarinos, 2023). É autor do Ensaio sobre o poema e o mar da morte (Euseino? 2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email