Ángel Llanos na presentación do seu libro

Categoría: Nova

O día de onte foi importantísimo na vida longa e fecunda do fotógrafo Ángel Llanos, de quen a nosa editorial onte presentou o libro 'Ángel Llanos, fotógrafo' escrito por Xerardo González Martín. Ata última hora non sabiamos se o gran mestre ía estar compartindo con nós o instante da saída á luz do seu legado impresionante de tantísimas décadas de traballo.
Emocionado, fixo aparición para recibir o agarimo da moitísima xente que deixou pequeno o salón de actos da Casa Galega da Cultura de Vigo.
Onte, dende os seus 95 anos, soubo que se lle quere e que se lle recoñece o seu labor xa non só documental, xornalístico ou artístico, senón tamén a súa valía como ser humano. O cariño cara á súa persoa era, sen dúbida, un dos elementos que máis movían ao público que onte asistiu á presentación deste libro no que Xerardo González Martín pasa revista xa non só á súa vida senón tamén á do seu pai e avó, tres xeracións de fotógrafos impresionantes.
Nesta altura da historia só podemos dicirlle a don Ángel Llanos, moitísimas grazas!

Comparte nas túas redes sociais ou por email