A psicóloga e orientadora educativa Ana Torres Jack acaba de publicar Máis aló do azul e do rosa, unha guía de estratexias para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia. Un manual que será presentado o 1 de febreiro na libraría Moito Conto da Coruña e o 8 do mesmo mes na libraría Biblos de Betanzos.
Na entrevista que hoxe publica Coruña Magazine a autora afirma que “a desigualdade de xénero está na base da violencia contra as mulleres. Non hai que pensar que eses agresores son uns tolos, enfermos ou drogadictos. Son homes que se cren superiores ás mulleres e por tanto que están no seu dereito de facer con elas o que lles veña en gana. Mesmo matalas”.
Ana Torres Jack ofrécenos co seu libro unha maneira sinxela e moi clara de estratexias concretas para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia. Xa dende antes do nacemento dun fillo ou dunha filla hai que fuxir de estereotipos e “partir de aí, evitar que a nosa filla creza pechada nun mundo cor rosa, asociado á beleza, a coquetería e a dozura, ou que noso fillo se sinta obrigado a evitar actividades, afeccións ou intereses considerados “de nenas”. A partir de aí, o sentido común fará o resto do traballo”.
Sen dúbida, malia todo o que se avanzou nos últimos anos en cuestión de igualdade entre homes e mulleres, queda moito camiño por andar e Máis aló do azul e do rosa axúdanos a avanzar nese labor.
Para ler a entrevista completa aquí.