An Alfaya

Categoría: Recensión

Como todo álbum de interese, Unha chea de familias responde ao formato, onde a presenza das imaxes é fundamental. O libro entra polos ollos e polo tacto a través das ilustracións creadas con enxeño e mestría por Rodrigo Chao. Debuxos de trazos limpos e cores nítidas, co predominio das figuras humanas axigantadas e deformadas, de gran plasticidade e atractivos á mirada. Un queda atrapado e engaiolado na maxia das texturas. De gran axuda é a coidada edición de Galaxia, que aposta pola calidade, tanto no aspecto formal como no contido.

O autor do texto, Xosé Antonio Neira Cruz, condúcenos polos distintos andares dun edificio da man dunha cativa e do seu pai, como resposta á reiterada pregunta que lle formula á nena ao decatarse de que na súa familia falta a súa nai. Querendo saír do paso, ao pai ocórreselle irlle presentando ás distintas familias que viven no seu edificio. Deste sinxelo e atinado xeito, Mariña descubre que a carón dela existen moitas modalidades de convivencia, e que o que conforma unha unidade familiar, por enriba de calquera outra circunstancia, é o amor entre os seus membros.

Este libro sérvenos para reflexionar sobre o papel que xoga a familia na actualidade na nosa sociedade, mergullándonos nun progresismo propio do século XXI, desbotando ideas rancias, mais aínda presentes nalgunhas mentes retrógradas, que denostan aquelas relacións emocionais entre persoas que non entran dentro do canon tradicional.

Ata non hai moito se entendía a familia en exclusividade como aquela conformada por pais e nais con ou sen fillos, pais ou nais viuvos con ou sen fillos, fillos criados por avós (habitual coa emigración), mesmo nais solteiras (había rexeitamento social), mais aceptábase que esa nai co seu fillo constituían unha familia (entre outras variantes).

Ao meu modo de ver, a primeira revolución familiar chega coa aprobación do divorcio e coa convivencia da parella sen necesidade de pasar pola igrexa. Novas realidades familiares viñeron crearse. Nais con fillos propios que conviven con outras parellas, con ou sen fillos, e viceversa. A segunda revolución familiar xurdiría co fenómeno da adopción. Familias tradicionais sen ou con fillos que adoptan novos membros. Familias monoparentais que adoptan fillos, etc. Mais a gran revolución familiar, aínda por asentar, aparece coa aprobación dos matrimonios homosexuais, constituíntes de anovados núcleos de convivencia.

O álbum Unha chea de familias recolle case que todas estas modalidades e suxire outras. Está destinado a todo tipo de lectores á marxe da idade. Porén resultaría enriquecedor que a súa lectura fose compartida por adultos e cativos, exercendo os primeiros a función de animadores e estimuladores, suscitando o interese nos pequenos, axudándolles a comprender e a aceptar as diferenzas dentro dunha normalidade integradora, non excluínte nin discriminatoria, á marxe do aspecto relixioso, respectable, mais arcaico e illado da evolución da sociedade. Un libro recomendable, que malia ter un enfoque pseudopedagóxico, foxe do didactismo, primando por enriba de calquera outra cuestión, o goce do lector.

Comparte nas túas redes sociais ou por email