Recoñecido coma unha das personalidades sobranceiras da lingüística, a filoloxía e a crítica literaria, o profesor Xesús Alonso Montero recibiu en Madrid o nomeamento de doutor honoris causa pola Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), a institución con máis número de alumnos das universidades españolas.
No mesmo acto foron tamén homenaxeados os profesores Antonio M. Badía i Margarit (polas letras catalanas), o vasco-francés Jean Haritschelhar Duhalde e, pola lingua castelá, Humberto López Morales.
O acto, presidido polo rector da UNED, doutor Gimeno Ullastres, centrouse na celebración das linguas do Estado Español: castelán, éuskaro, catalán e galego, encarnadas en catro figuras representativas dos estudos filolóxicos.