Preside a Asociación de Xuristas Galegos o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade Complutense Carlos Lema Devesa e a entrega do premio se realiza en Madrid, no Senado, xunto co Premio Montero Ríos, que tamén promove a devandita institución.
IURISGAMA constituíuse en Madrid no ano 1996 a partir dun amplo colectivo de profesionais relacionados co dereito (maxistrados, xuíces, catedráticos, notarios, rexistradores, avogados, etc.) que desenvolven a súa vida profesional na capital de España. Entre as súas actividades está animar debates e reflexións sobre o mundo xurídico e promoven os devanditos premios, MONTERO RÍOS e IURISGAMA.
Entre os galardonados co premio IURISGAMA en edicións anteriores están Manuel Taboada Roca e Jaime de Castro García (maxistrado do Tribunal Supremo, xubilados), José Cora Rodríguez (expresidente do Tribunal Superior de Xustiza) e Cándido Conde Pumpido-Ferreiro (tenente fiscal do Tribunal Supremo).
A traxectoria xurídica de Alfonso Zulueta de Haz vai á par do seu compromiso coa lingua e cultura galega. Fundador e presidente nos anos 60 do Ateneo de Pontevedra, o seu currículo atinxe aspectos de proxección social e humanitaria (proxectos como a Fundación Sálvora) xunto co apoio a numerosas iniciativas culturais como a fundación no seu día da Editorial Sept, a edición en lingua galega da Biblia e o Novo Testamento, vicepresidencia da Fundación Penzol, membro do Consello da Editorial Galaxia e da Fundación Otero Pedrayo, etc. Logo do falecemento de Carlos Casares asumiu durate dous mandatos a Presidencia do Consello da Cultura Galega, de cuxo patronato segue a formar parte. Tamén é autor de diversas publicacións e ensaios case sempre relacionados ou coa cultura ou co ambito xurídico.