Unha das primeiras novidades do ano no que á poesía se refire é 'Acusación', novo poemario de Xiana Arias Rego, á que todos coñecemos ben polo seu magnífico labor como xornalista no Diario Cultural da Radio Galega, e, dende hai moito, como poeta.
En 'Acusación', Xiana Arias Rego explora os camiños da poesía como acusación. Textos que acusan de quedar na intención, que amosan a dificultade de actuar.
A partir desa constatación, Xiana Arias Rego fai da linguaxe poética receptáculo de marcas: frieiras, mazaduras e varices. O poema sinala a fenda pola que cómpre mirar, abre a palabra ao non aprendido. Non para impoñerse como discurso senón para expoñerse como voz. Sen pretensión de entretemento, sen que sirva para decorar. ¿Que é o que nos falta, que é o que nos doe para necesitar a poesía?
Xiana Arias Rego (A Fonsagrada, 1983) é autora do libro de poemas 'Ortigas', polo que recibiu o Premio de Poesía Xosé María Pérez Parallé no ano 2007. Colaborou coas revistas Dorna e Xistral e na "Revista das Letras" do xornal Galicia Hoxe. En 2008, a súa serie de poemas "Cleo de dez a doce" foi incluída en 'Pirata', unha publicación das Brigadas de Intervención Rápida George Grosz en apoio ao Cineclube de Compostela.