A VIDA

Categoría: Opinión

Os que me coñecen saben ben do moito que gusto das sentenzas tiradas da música, en especial do rock and roll. É o que temos os músicos frustrados metidos a escritores. Coido que en todos os meus libros hai unha cita de Lennon, entre outros músicos. Neste comezo do ano, quero facer outro tanto, e traer aquí aqueles versos dunha canción que lle dedicou ao seu segundo fillo, Sean. A frase di: “Life is what happens to you / While you’re busy making other plans”, que nunha tradución perralleira vén sendo algo así como “A vida é o que che vai pasando/ mentres ti fas outros planos” ou xa interpretando: “ a vida éche todo iso que perdemos enleados en asuntos prescindibles”. Daquela, nestes días de estrea do 2009 reivindico para todos a vida, e, por unha vez, quero quitarlle a razón ao meu benquerido John: que a vida de todos sexa precisamente os planos que temos para nós, que non nos atafeguen con asuntos banais. Que a vida sexa vida.

Comparte nas túas redes sociais ou por email