A saúde do sector cultural galego

Categoría: Nova

Pasada unha semana, é tempo de facer balanzo do Culturgal, a recuperada Feira das Industrias Culturais, escaparate da edición, o audiovisual e a música galega que este ano se celebrou na cidade de Pontevedra coa satisfacción unánime do sector e o compromiso firme de continuidade. "Despois do éxito desta edición, ninguén pode dubidar que haberá Culturgal 2011", asegurou Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal e director comercial de Galaxia.
Os representantes de Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), a Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), a asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e o propio Xulio Amigo salientaron a importancia do éxito desta edición, a primeira organizada directamente pola industria, para o asentamento definitivo da feira. Neste senso, Xulio Amigo resaltou a implicación dos libreiros co proxecto. "Non só comprenden a súa importancia, senón que son partícipes e comparten a nosa filosofía". O Culturgal deste ano chegou a ter unha media de corenta actividades diarias, e no que sobrancearon, ademais das exposicións un "salón" no que periodistas e creadores intercambiaron experiencias; un "patio" que foi lugar de festa e música; un cuarto dos nenos con ofertas para os máis pequenos; e un "garaxe" adicado ás nuevas tecnoloxías.
Todo este mollo amplísimo de actividades querendo servir de motor para mostrar a vitalidade dun sector cultural que non quere afogar nos tempos que nos toca correr. De feito, segundo algúns informes, o sector cultural é un dos que mellor están a resistir fronte da crise. A Xunta de Galicia falaba había pouco dunha facturación de máis de 1000 millóns.
Independentemente das cifras, todos e todas estamos convencidos de que, habendo tanto talento como hai no país, é imposible que o sector cultural galego non sexa quen de aguantar a marea dos tempos e de navegar con éxito no futuro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email