A reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia non era un capricho, senón unha necesidade, mesmo unha necesidade urxente, e os acontecementos que nas últimas semanas estamos a vivir, a situación catalana sobre todo, confirman esta necesidade.
Con estas afirmacións abriu Xoaquín Fernández Leiceaga a presentación do seu libro "¿Por que fracasou a reforma do Estatuto?", editado na colección Ensaio de Editorial Galaxia. A biblioteca Ánxel Casal de Santiago estaba chea de público e, entre os presentes, había moitas caras coñecidas da política galega. Actuou de presentador e comentarista do libro o expresidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.
As afirmacións do autor, que participou no proceso de intento de reforma do Estatuto de Autonomía durante o Goberno Bipartito e, por tanto, escribe dende a propia experiencia, foron refrendadas polo expresidente da Xunta quen por certo publicará en breve (primeira quincena de novembro) as súas memorias políticas deste período: "O futuro é posible" (colección Memoria, Galaxia).
"A reforma do Estatuto era unha necesidade", salientou Leiceaga na súa intervención. "Logo de trinta anos de existencia o texto necesitaba unha actualización consonte as necesidades dos novos tempos e mesmo consonte os cambios que se están a anunciar na propia realidade política española. A cuestión da organización do Estado, segue sen resolver. Non hai máis ca ler os xornais estes días. ¿Cal é a situación de Galicia? O Estatuto vén ser o debuxo que queremos para o futuro do noso país. Pero isto non se pode facer dende a simple maioría parlamentaria, cómpre incorporar a todos os grupos representados no Parlamento, tamén ao Partido Popular. Ata última hora pensabamos que o acordo era posible. Pero a última hora o daquela candidato a presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, botouse para atrás. Entendo que por razóns electorais e por presións directas do sector máis involucionista da dereita española dende Madrid".
Leiceaga dá conta no libro das distintas fases do proceso, acontecementos, datos, análises… "O BNG e o PSdeG-PSOE estabamos de acordo na redacción final. Non é certo que as nosas discrepancias paralizasen o proceso. Esa é unha versión interesada do PP. Fíxose un esforzo enorme polas dúas formacións que participaban no goberno para elaborar un texto conxunto e no marco constitucional. Pero ao PP daquela non lle interesaba o acordo. A ver que van facer agora, co que se aveciña".
En palabras do editor, Víctor F. Freixanes, tamén presente no acto: "Necesitamos debate, información, non volver a vista cara a outro lado. Necesitamos documentación e reflexión para pensar xuntos dende a madurez e a crítica. Mesmo para discrepar debemos estar informados e coñecer a perspectiva dos que non pensan coma nós. Este libro deita unha luz necesaria sobre un proceso que segue aberto. Oxalá veñan outras achegas".