A mostra “CREAR PORVIR” chega a Ourense amosando a importante pegada ourensá na historia de Galaxia

Categoría: Nova

Editorial Galaxia conmemora o seu 75 aniversario reivindicando o papel da edición galega, coa exposición “Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia”.

Comisariada por Henrique Monteagudo, actual presidente da Real Academia Galega, Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, destaca o labor dos autores e autoras desde 1950 ata a actualidade.

Con motivo da celebración do 75 aniversario de Editorial Galaxia, chega a Ourense a exposición “Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia”, unha mostra que percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 ata a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior.

Articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

“CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA”, está comisariada por un equipo de referencia no ámbito dos estudos académicos en Galicia e a nivel internacional, dirixido polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, director da Cátedra Castelao, da revista Grial, recén nomeado presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, acompañado pola profesora de literatura galega, Malores Villanueva Gesteira e polo catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, Xosé Manuel Dasilva Fernández.

Foron moitos os autores ourensáns ou moi vencellados ao territorio, que publicaron en Editorial Galaxia obras fundamentais, como Os biosbardos (1962), ou A esmorga (1970), Xente ao lonxe (1972), de Blanco Amor. Tamén se reeditaron clásicos como os de Risco, Otero Pedrayo, Cuevillas, Ferro Couselo ou Xaquín Lorenzo.

Ramón Otero Pedrayo, presidente de Galaxia enre 1950 – 1976; Carlos Casares, director xeral de Galaxia entre 1985 – 2002; Antón Risco ou Méndez Ferrín deixaron tamén fonda pegada coa súa obra. Autores como Olga Gallego, Pura Vázquez, Alfredo Conde ou Alonso Montero confiaron tamén na editorial, xunto a nomes máis recentes como Riveiro Coello, Chus Pato, Baldo Ramos, Marcos Valcárcel ou Xosé Ramón Quintana. O deseño expositivo correu ao cargo do estudo Desoños, que propón unha sorte de bosque de estruturas móbiles onde se sinalan dun xeito visual e dinámico os nomes, publicacións e feitos singulares desta traxectoria. As estruturas van precedidas dun túnel do tempo, cos fitos máis salientables destes 75 anos. O deseño expositivo cumpre, ademais, o reto de adaptarse ás distintas sedes onde se vai instalar.

Outro aspecto a salientar é que se pode gozar, formando parte da exposición, dunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira, e producida por Nós TV, que recolle testemuños de personalidades vinculadas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria.

A exposición “CREAR PORVIR. 75 ANIVERSARIO EDITORIAL GALAXIA” inaugurouse en Ourense este mércores 21 de maio, na Sala de Exposicións Afundación (Praza Maior, 4). A mostra poderá visitarse ata o 28 de xuño, con entrada libre ata completar capacidade.

No acto, interviron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Antón Vidal Andión, presidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia; Santiago Camba, vicepresidente de Afundación; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense; e Malores Villanueva e Xosé Manuel Dasilva, comisaria e comisario da mostra.

A exposición “Crear porvir. 75 aniversario de Editorial Galaxia” percorre Galicia ao longo de 2025, facendo escala nas sete grandes cidades galegas. Despois de arrancar no mes de marzo en Santiago de Compostela, en marzo en Lugo, agora se exhibe en Ourense, para continuar en xullo, en Ferrol, tamén na Sede de Afundación, e, tras o verán, instalarase en setembro e outubro no Café Moderno de Pontevedra. A Coruña acollerá a exposición entre outubro e novembro na Fundación Luís Seoane, rematando o seu itinerario en Vigo, onde poderá visitarse entre decembro de 2025 e xaneiro de 2026 na Sede Afundación da cidade.

Ao longo destes 75 anos, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura. A singularidade deste empresa radica no seu compromiso político e cultural e no feito de que inviste os seus beneficios na propia editorial. Ao longo da súa traxectoria, recibiu galardóns tan relevantes como a Medalla de Ouro de Galicia e o Premio da Cultura Galega, en recoñecemento á súa contribución á nosa identidade e á modernización cultural, ademais de contar con numerosos premios nacionais, que poñen en valor a nosa creación literaria.

Datos de interese Apertura: de luns a venres. Horario: 17:30 h – 20:30 h Sábados, domingos e festivos: 12:00 h – 14:00 h / 17:30 h – 20:30 h Entrada de balde.

Sala de Exposicións de Afundación, Praza Maior, 4. Ourense.

A mostra poderá visitarse ata o 28 de xuño.

Esta mostra conta co apoio da Xunta de Galicia e Afundación.

Autoría das fotografías: Carlos Gil

Comparte nas túas redes sociais ou por email