A mosca da tele voou sobre Ribeira

Categoría: Nova

O pasado mércores, nun acto divertidísimo no que non faltaron as palabras sabias e retranqueiras de Quico Cadaval nin a música traída dunha recente viaxe polo Perú de Tonhito de Poi, a escritora María Solar, acompañada do editor do libro, Francisco Castro, presentou no Ateneo Valle Inclán de Ribeira o seu libro 'A verdadeira historia da mosca da tele'.
O autor Quico Cadaval sorprendeu, máis unha vez aos presentes, cun divertido discurso-monólogo arredor das moscas e os seus significados na nosa cultura. Non deixou pasar a ocasión para se referir á vida destes protagonistas do libro de María Solar en terras remotas como o Ecuador.
Pola súa banda, o cantante Tonhito de Poi, acabado de chegar das terras do Perú, interpretou unha sentida tonada diante dun público emocionado por unha canción que o músico explicou que aprendera en terras americanas e que serviu de colofón perfecto a un acto no que María Solar debullou a intrahistoria do libro, orixinado, nunha primeira faísca creativa, grazas á "invasión" de moscas un día no plató onde se fai o Zigzag Diario da TVG que ela presenta.
A mosca da tele, para alegría de todos, sobrevoou as terras de Ribeira…

Comparte nas túas redes sociais ou por email