Ser ou non ser, esa é a cuestión. Se preguntarmos pola rúa quen é o autor da famosa cita, a resposta é evidente: William Shakespeare. Ante este feito, hai certas persoas (entre as que me inclúo) ás que lles vén á cabeza unha segunda pregunta: E logo Shakespeare non escribía en inglés? Non me malinterpretedes, eu non quero restarlle méritos ao artista, que os ten e son moitos. O que eu quero é rescatar de entre as sombras unha figura esquecida: a do tradutor. En especial, o literario.
É unha profesión moi curiosa, esta do tradutor. Aqueles profesionais que viven detrás do telón, síntense afortunados. E queres saber por que? Moi sinxelo: se non se lembran de ti, quere dicir que fixeches un bo traballo e que a túa tradución funciona como texto orixinal. O lector non se dá conta de que o que está a ler non é «exactamente» o que o autor escribiu.
As referencias a tradutores nas críticas literarias son primordialmente para destacar o pésimo traballo feito por un profesional X ou Y. Polo tanto, temos asumido que o mellor é pasar desapercibido. Eu mesma, como tradutora, síntome moi cómoda na miña invisibilidade. No entanto, non podo deixar de pensar que, se as malas traducións son reprobadas, por que non son as boas loubadas?