Con este galardón a Fundación Otero Pedrayo quere enaltecer a tradición e o traballo dos profesores que, sen seren de nación galega, veñen traballando polo coñecemento e a difusión da nosa lingua, da nosa literatura e da nosa cultura no mundo, proxectándonos cara á universalidade, tal que preconizaban os pais do galeguismo.
Durante o acto literario presentouse o libro John Rutherford. Mar por medio, coordinado polas profesoras María Liñeira e Dolores Vilavedra, esta última tamén encargada de facer a laudatio do homenaxeado. Unha edición especial deste libro, xunto con un debuxo para a ocasión de Isaac Díaz Pardo, foron os presentes que recibiu Rutherford por parte da Fundación e entregados polo músico Xosé Ferreirós, en representación de Milladoiro, Premio Trasalba 2006.
No seu discurso de agradecemento polo premio, John Rutherford reivindicou a universalidade do sentimento galeguista, que no seu caso foi medrando dende a primeira visita a Ribadeo hai máis de 50 anos.
Esta xornada festiva complétase cada ano coa presentación dun libro que ten como centro a Don Ramón. Nesta ocasión, presentáronse os dous volumes de Cartas á nai, que recolle toda a correspondencia de Otero Pedrayo e a súa nai. A edición estivo a cargo das investigadoras Patricia Arias Chachero e Mónica Pazos.
A xornada rematou no souto do pazo co tradicional xantar de amizade ao aire libre, con máis de 400 persoas.