A exposición 'Nimbos de luz' percorrerá Galicia en 2014 para dar a coñecer a vida e a obra de Díaz Castro

Categoría: Nova

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou o pasado venres en rolda de prensa, na Cidade da Cultura de Galicia a programación promovida pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2014, dedicadas ao poeta e tradutor lucense Xosé María Díaz Castro. Participaron tamén o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o alcalde de Guitiriz, Xosé María Teixido Núñez; o presidente do Centro Pen de Galicia, Luís González Tosar; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros; o presidente da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco Torrado; o director de produción da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.
A nosa editorial participa na produción da exposición titulada 'Nimbos de luz'. Xosé Manuel Soutullo, director de Produción de Galaxia explicou que a exposición percorrerá en total trece concellos de toda Galicia, espallando así a obra do autor homenaxeado por todo o país.
A e xposición está comisariada por Alfonso Blanco Torrado, Luís González Tosar e Armando Requeixo, estudosos da obra do autor lugués. Dun xeito divulgativo, para todos os públicos, preséntase o percorrido vital que o levou de Guitiriz a Mondoñedo, pasando por Vilagarcía de Arousa e Madrid.

Comparte nas túas redes sociais ou por email