A Editorial Galaxia e Mamá Cabra presentan A bruxa Discordia, un libro-disco de homenaxe á paz

Categoría: Nova

Este mes de decembro chega ás librarías galegas A bruxa Discordia, cancións para a paz.
Inserido na colección Sonárbore -destinada a achegar a música de calidade aos máis pequenos e pequenas da casa-, o álbum consta de 12 temas interpretados -e musicados por Mamá Cabra, grupo pioneiro na música infantil en galego, que conta xa con doce traballos discográficos publicados nos seus quince anos de andaina.
Ademais, A bruxa Discordia inclúe unha fermosa historia da man da escritora gaditana Carmen Gil, especializada en literatura infantil e quen vén de ser nomeada como membro do Consello Escolar de Andalucía, en calidade de Persoa de recoñecido prestixio. As ilustracións do álbum son de Iria Fafián, quen recrea nun fascinante mundo de cores as peripecias dunha bruxa que non é tan mala como podía semellar nun principio…
Así, no contexto social actual, A bruxa Discordia constitúe un álbum ateigado de valores positivos pensado e desenvolvido tendo en conta as necesidades dos nenos e nenas.
Mensaxes como a importancia de compartir, de respectar ao próximo ou de convivir en harmonía escritas na súa propia linguaxe e transportadas a través dun dos vehículos máis eficaces: a música.
A bruxa Discordia, cancións para a paz , é o sexto traballo que Mamá Cabra publica no seo da colección Sonárbore. Tralo éxito colleitado por álbumes -e espectáculos como Bicos de música ou Ola, ola, la!, o grupo capitaneado por Gloria Mosquera chega con esta nova entrega, que viña sendo demandada pola lexión de pequenos e pequenas fans coas que conta a banda.
Presentación e concerto
A bruxa Discordia, cancións para a paz, será presentado en Santiago de Compostela o vindeiro xoves, 17 de decembro. O acto, destinado aos profesionais dos medios de comunicación, terá lugar a partir das 11.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural de Fontiñas -Rúa Berlín, 13-. Tras unha presentación do álbum a cargo de Mamá Cabra e Francisco Castro, editor de Infantil e Xuvenil en Editorial Galaxia, o grupo ofrecerá un concerto de balde para os máis de cen escolares de Ensino Infantil do CEIP Sigüeiro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email