PREMIO ILLA NOVA DE NARRATIVA 2017
A vida de Marcelo Firmamento estaba destinada a ser especial dende o seu nacemento, dende que as ondas mariñas tocaron o seu berce. A novela trasládanos á vila mariñeira de Sada nos anos corenta, alí escoitamos as historias do vello Rederrota, sentimos a dor do desamor, a interrogante ausencia dun pai e a irracional esperanza da nai, que levará a Marcelo Firmamento a percorrer o mundo en grandes buques e a descubrir misterios dos que remata por ser parte. E a balea... ai, a balea!
Ao lado de Marcelo Firmamento viaxamos de océano en océano tras a pista dun pai que non coñece e descubrimos un pobo, o galego, espallado polos cinco continente. A fantasía e a realidade mestúranse nun universo onde as quimeras, mesmo a da liberdade, cobran vida e poden resucitar, igual que o Taramanco.

(Fontán-Sada, 1983) defínese, por esa orde, como curiosa, lectora e escritora. Tamén bibliotecaria, blogueira e secretaria da Asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada. Está titulada en Biblioteconomía e Documentación, estudos e traballo que a levaron a vivir en Ferrol e Lugo. Actualmente reside de novo na bisbarra da Coruña e compaxina o emprego esporádico en bibliotecas co activismo cultural e a escrita. Publicou varios relatos e poemas en libros colectivos e revistas. Ninguén lembra (Urco, 2013) foi a súa primeira noval, agora con A vida sinxela de Marcelo Firmamento vén de gañar o Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos, o que supón un paso máis na súa prometedora carreira literaria.